Nova: A Xunta abre a novena edición de Galicia Escena Pro con danza na rúa, monicreques e os monólogos de Diego Anido e Silvia de Pé
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
05/06/2022
A Xunta abre a novena edición de Galicia Escena Pro con danza na rúa, monicreques e os monólogos de Diego Anido e Silvia de Pé
— O mercado galego de artes escénicas, que se celebra entre mañá e o xoves en Santiago, recupera o acceso para o público xeral ás funcións dos espectáculos programados en formato completo
— Empatía Teatro, Berrobambán e Ponto de Fuga, ButacaZero e Producións Teatrais excéntricas-Mofa&Befa presentarán as súas vindeiras producións na primeira quenda de 'pitchings'
— A Consellería de Cultura e a asociación Escena Galega comparten a organización do encontro, que difundirá 30 propostas galegas entre os máis de 160 acreditados, 56 deles responsables de programación de teatros, auditorios e festivais
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2022.- Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, inicia a súa novena edición mañá en Santiago de Compostela cunha xornada inaugural que ofrece catro espectáculos completos e a primeira das sesións de pitching. Teatro de monicreques, danza na rúa e os monólogos de Diego Anido e Silvia de Pé serán os protagonistas do primeiro dos catro días que durará o evento, cuxa organización comparten a Consellería de Cultura e a asociación Escena Galega coa meta de incentivar a contratación de espectáculos producidos na nosa Comunidade.
O programa deste ano difundirá 30 títulos galegos, dos que 18 se exhibirán en funcións completas e outros 12 protagonizarán as presentacións rápidas en formato pitching, diante de máis de 160 profesionais acreditados, 56 deles responsables de programacións culturais, circuítos e festivais.
Espectáculo convidado
A actividade de Galicia Escena PRO en cuxa organización está implicada a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) comezará no Salón Teatro ás 11,30 h. co espectáculo convidado deste ano: El caballero incierto, da distribuidora madrileña Come y Calla en coprodución co Teatro Español e Silva de Pé, que se presenta en Santiago grazas ao intercambio co certame madrileño MADFeira, onde a semana que vén actuará a compañía galega Matrioshka Teatro. Trátase dun monólogo asinado por Laila Ripoll a partir da novela La carne, de Rosa Montero. A obra está protagonizada por Silvia de Pé e conta coa dirección de Alberto Castrillo-Ferrer e José Recuenco.
Títeres Alakrán actuará ás 16,30 h. no Teatro Principal con Desconexión, obra de monicreques interpretada por Borja Insua e Alba Grande, que se presenta como unha distopía para abordar a dependencia á conexión permanente. Ás 18,00 h., circo e danza daranse a man na praza da Inmaculada co primeiro espectáculo de rúa desta edición: Cantas patas para un banco? Nesta peza, a Cía. iO conta con Jano Costas, Beatriz Rubio e Álvaro Fitinho en escena.
Diego Anido encargarase de pechar a primeira xornada do mercado de artes escénicas ás 20,00 h. no Auditorio Abanca con O deus do pop. Anido, quen escribe, dirixe e interpreta a peza, encarna unha ficticia estrela do pop mundial que presenta un adianto da súa vindeira xira internacional. Entre canción e canción, fálanos dende a tenrura e o humor sobre a vida, a infancia, o éxito ou a visión que temos de nós mesmos.
A programación do luns complétase coa primeira quenda de presentacións rápidas tipo pitching, que este ano se desenvolverán en tres sesións diferentes o luns, o martes e o xoves. Empatía Teatro, Berrobambán e Ponto de Fuga, ButacaZero e Producións Teatrais Excéntricas-Mofa&Befa avanzaranlles aos profesionais reunidos no Centro Obra Social Abanca os proxectos escénicos nos que están a traballar. Este mesmo espazo, situado na praza de Cervantes, volverá ser así mesmo a sede principal de Galicia Escena PRO como epicentro para as reunións interprofesionais e de negocio.
Entradas para o público xeral
O mercado recupera neste 2022 o acceso para o público xeral en gran parte das montaxes que ofrecerán funcións completas, para o que se disporá dun número limitado de butacas en cada función. Para asistir a estas representacións, cómpre retirar os convites (máximo dous por persoa) en horario de 10,00 a 13,00 h. e de 16,30 a 19,00 h. no despacho de billetes que se instalará no Centro Obra Social Abanca. Así, este luns contarase con localidades para as funcións de Desconexión e O rei do pop. Para as obras de rúa, como é o caso de Cantas patas para un banco?, non se precisará retirar entrada.