Nova: A Cidade da Cultura convida a redescubrir a Vía da Prata nunha mostra que cruza séculos e vieiros da man de 40 fotógrafos clásicos e contemporáneos

06/06/2022

A Cidade da Cultura convida a redescubrir a Vía da Prata nunha mostra que cruza séculos e vieiros da man de 40 fotógrafos clásicos e contemporáneos

‘A Vía da Prata. Aires do Sur’ constrúe un relato evocador que atravesa a historia da Península Ibérica e do Camiño nun carrusel de 140 instantáneas de fotógrafos destacados e emerxentes

Inclúe obras dos premios nacionais de fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto e de grandes mestres como Nicolás Muller, Jean Laurent ou José Suárez

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura A Vía da Prata. Aires do Sur, exposición que reivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño de Sevilla a Santiago de Compostela a través da ollada de 40 figuras clásicas e contemporáneas da fotografía. A mostra compón un carrusel de 140 imaxes que transitan séculos e vieiros por unha das rutas que mellor encarna a diversidade dos itinerarios xacobeos.

 

O titular de Cultura do Goberno galego destacou na inauguración a contribución fundamental desta exposición “para impulsar un maior coñecemento e posta en valor da Vía da Prata e súa importancia na configuración da nosa identidade como punto de confluencia de culturas diversas”. Por esta calzada camiñaron primeiro os romanos, comerciantes e exércitos árabes e cristiáns, e tamén chegaban á capital compostelá ofrendas e peregrinos que buscaban o favor do Apóstolo Santiago. Aínda hoxe, a autovía que toma o seu nome segue a ser un dos principais eixes de conexión entre o sur e o norte da Península.

 

O acto contou ademais coa participación da comisaria da exposición, Lucía Laín, e a presenza da directora xerente da Cidade de Cultura, Ana Isabel Vázquez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, ademais de varios dos fotógrafos presentes nesta mostra.

 
A ollada curiosa do peregrino

Para a representación deste camiño de camiños, salientou o conselleiro, A Vía da Prata. Aires do Sur reúne “estudos e artistas consagrados entre os grandes mestres da fotografía, cuxas imaxes forman xa parte da nosa memoria, canda o traballo de fotógrafas e fotógrafos actuais que nos descobren a realidade máis descoñecida de pequenas localidades de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia”. Con eles, continuou o representante da Xunta de Galicia, constrúese “un relato único no que o visitante se sitúa, de maneira intencionada, no punto de vista do peregrino, compartindo a ollada curiosa dos artistas que percorreron eses mesmos lugares”.

 

Entre as figuras clásicas incluídas na mostra cóntanse co galego José Suárez, Luis Agromayor, Martínez de Hebert, Jaimae Pacheco e tamén fotógrafos internacionais como Nicolás Muller, Otto Wunderlich, Jean Laurent ou António Passaporte, entre outros moitos. Na parte máis contemporánea atopamos obras de Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, ambos premios nacionais de fotografía, xunto a nomes destacados como Carmenchu Alemán, Anna Turbau, Vicente López Tofiño, Atín Aya ou Fernando Manso e figuras emerxentes como Laura Martínez Lombardía, Yorgos Kaeste ou Javier Berasaluce. Desde Galicia préstannos o seu ollar os ourensáns Antón Buciños, Brais Lorenzo, Tere Fernández e Miguel Muñiz, os vigueses Iñaki Matilla, Manuel G. Vicente e Roberto de la Torre e o compostelán Luis Otero.

 

Nesta viaxe de sur a norte, a fotografía conxúgase con versos e fragmentos literarios de escritores e escritoras das nosas letras —Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Sofía Casanova, Rosalía de Castro, etc.— e tamén doutros que desde a distancia atoparon a inspiración nas cidades, pobos e xentes que conforman a ruta da Vía da Prata, como Federico García Lorca, Manuel Machado ou Miguel de Unamuno. Este encontro feliz coa palabra escrita permite afondar na multiplicidade de sentimentos, lecturas e sentidos que transmite a imaxe, ofrecendo unha nova interpretación, por veces sorprendente na súa potencia evocadora, do traballo fotográfico.

 

Preservación do patrimonio

Tirando do fío por novos camiños e fondos documentais, este novo proxecto comisariado por Lucía Laín pon en valor o traballo de museos, arquivos e coleccionistas na conservación e transmisión do patrimonio vivo das Rutas Xacobeas. Neste sentido, a mostra inclúe fotografías pertencentes ao Arxiu Nacional de Catalunya, o Centro Português de Fotografía, o fondo Nicolás Muller do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid, o Archivo Atín Aya, o Instituto do Patrimonio Cultural de España, a Fundació Institut Amatller d'Art Hispànic, o fondo Anna Turbau do Consello da Cultura Galega, o Arquivo Fotográfico Pacheco do Concello de Vigo, o Arquivo José Suárez, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a Biblioteca Nacional de España, entre outros.

 

O seu labor de catalogación, documentación e conservación foi tamén destacado polo conselleiro de Cultura, quen resaltou ademais que a delicadeza deste proxecto “representa unha xustificación da fotografía como ferramenta para a memoria e contra o risco de banalización visual dos nosos días, apostando por detérmonos a contemplar a realidade desde o ritmo propio do Camiño”.

 

A exposición, que abrirá as súas portas ao público mañá martes, poderá visitarse no terceiro andar do Museo Centro Gaiás ata o vindeiro 9 de setembro de 2022. Conta con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas.

 
A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de 12 exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duerme, En la cinta del tiempo, El Rostro de las Letras, Santos Yubero, O Camiño Portugués. Lembranza de mar e pedra ou La Memoria del tiempo (con Publio López Mondéjar) e a documentar producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico e Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre) ou Albéniz. El color de la música e Marañón en Toledo, de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

Comparte