Nova: Galicia Escena PRO reflexiona mañá sobre as residencias artísticas e ofrece cinco espectáculos para pechar a súa novena edición

08/06/2022

Galicia Escena PRO reflexiona mañá sobre as residencias artísticas e ofrece cinco espectáculos para pechar a súa novena edición

—    Helena Salgueiro, Cía iO, Pistacatro, Aporía Escénica xunto con Olivas Negras e Ibuprofeno Teatro representarán os seus espectáculos en Santiago durante a última xornada do mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta
—    O programa complétase coa segunda das mesas de debate, unha nova sesión de presentacións en formato ‘pitching’ e as últimas xuntanzas de traballo entre programadores e representantes de compañías, de produtoras e de distribuidoras
—    Máis de 160 profesionais do sector danse cita desde o pasado luns neste encontro organizado polo departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto coa asociación Escena Galega

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022.- Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, chega mañá ao remate da súa novena edición, que se celebra desde o pasado luns en diferentes espazos de Santiago de Compostela baixo a organización compartida entre o departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a asociación Escena Galega. Nesta última xornada, os máis de 160 profesionais acreditados poden asistir a unha mesa redonda sobre residencias artísticas, á derradeira sesión de presentacións en formato pitching e á representación de cinco montaxes de danza e teatro, abertos tamén ao público xeral.

Desenvolveranse, así mesmo, as últimas reunións para a compra-venda de espectáculos entre os responsables de programación de escenarios públicos e privados, circuítos e festivais, tanto de Galicia como do resto da península, e os representantes de compañías, produtoras e distribuidoras. Nesta novena edición, volveuse contar coa figura dos facilitadores para propiciar e concertar reunións que terán lugar ata mañá na sede do evento, situada no Centro Obra Social Abanca.

Neste espazo sitúase, así mesmo, o despacho de billetes onde o público pode retirar os convites (máximo dous por persoa) para as representacións dos espectáculos en horario de 10,00 a 13,00 h. e de 16,30 a 19,00 h.

Tres propostas de artes do movemento
As funcións de mañá darán comezo ás 11,00 h. no Auditorio Abanca co espectáculo performativo Come and Go, de Helena Salgueiro. A obra, baseada nun texto de Samuel Beckett, investiga arredor do tempo, da linguaxe, da ausencia e mais da presenza coas interpretacións de Iria Sobrado, Ana Gesto e a propia Salgueiro, quen é tamén a directora.

Ás 12,30 h. a praza da Inmaculada acollerá a representación de Cantas patas para un banco?, de Cía iO, prevista para o luns e adiada por mor da chuvia. Baixo a dirección de Paula Quintas e Arturo Cobas, o espectáculo conta con Jano Costas, Beatriz Rubio e Álvaro Fintinho en escena para afondar desde a danza nos conceptos de equilibrio e desequilibrio.

Xa pola tarde, ás 16,30 h., a entrada da Facultade de Ciencias da Comunicación será o escenario para a terceira proposta de artes do movemento da xornada, Vértigo, producida por Pistacatro. A montaxe está dirixida por Diego Anido, quen comparte xunto a Belén Brandido a autoría desta peza de danza vertical que parte do filme homónimo de Alfred Hitchcock para propoñer esta premisa: “Como encherían o espazo vital e escénico as dúas personaxes que encarna Kim Novak no filme se sacamos da ecuación a James Stewart?” A resposta é escenificada por Raquel Oitavén e Mercè Solé, da compañía Duelirium.  

A familia real é o título da produción que as compañías Olivas Negras e Aporía Escénica representarán ás 18,00 h. no Teatro Principal. Con dirección de Diana Mera, retrata cinco familias dende a comicidade. Conta para tal fin cun amplo elenco, integrado por Sonsoles Cordón, Franciso M. Gallardo, Diana Mera, Vicente Mohedano, Beatriz de Vega, María Tasende,  Catalina Sicilia, Gianluca Cordón, Asahel Gallardo Mera e Ginevra Nortes.

Ibuprofeno Teatro encargarase de pechar o cartel desta novena edición con Smoke on the water, que representará ás 20,00 h. no Salón Teatro. Esta traxicomedia cómica, con música en directo, está escrita e dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Josito Porto, Belén Constenla, María Costas, Adrián Ríos e Mon Orencio.

Programación profesional
Na programación exclusiva para os profesionais acreditados, ás 13,30 h terá lugar na sede de Galicia Escena PRO a segunda das mesas redondas deste ano baixo o título Residencias artísticas e compañías en residencia. Hugo Pires, do colectivo Glovo, moderará o debate, no que participarán Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego; Javier Casado, membro da área de apoio á creación do circo do Ateneu Popular 9 Barris; Laura Kumin, directora artística do Certame Coreográfico de Madrid, e Caterina Varela, directora de Residencias Paraíso e socia fundadora do Colectivo RPM.

Á mesma hora, catro compañías presentarán os seus proxectos diante dos programadores asistentes á última sesión de ‘pitching’. Así, Migallas Teatro debullará as claves de 30 anos cantando con Migallas, O señor Lili dará a coñecer Cinecleta, Teatro Ghazafelhos fará o propio con Ninja e o Mago Teto falará de Ultreia. Ao final do camiño estás ti.

Comparte