Nova: Valentín García presenta ‘Corpo de vento’, unha serie documental sobre a tradición organística en galicia
09/06/2022
Valentín García presenta ‘Corpo de vento’, unha serie documental sobre a tradición organística en galicia
O proxecto, impulsado pola produtora Sirgo Torcendo co apoio da xunta, consta de catro capítulos que abordan aspectos relacionados con estes instrumentos de vento facendo uso da lingua galega e achegándonos tamén ao ámbito lusófono
Os vídeos poden verse no Portal da Lingua Galega e na súa canle de YouTube
Santiago de Compostela, 09 de xuño de 2022
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu no Pazo de San Roque á presentación da serie documental Corpo de vento: viaxe ao corazón dos órganos galegos, realizado pola produtora Sirgo Torcendo ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades presentou esta iniciativa facendo fincapé na “necesidade de revelar e divulgar esta historia pola riqueza que posúe desde o punto de vista do patrimonio histórico empregando o galego como lingua asociada á cultura”.
Xunto ao secretario xeral estiveron presentes Belén Bermejo, directora artística e produtora executiva do proxecto, e Andrés Díaz Pazos, encargado da dirección e do guión.
Os catro capítulos, de 20 minutos cada un aproximadamente, abordan diferentes aspectos relacionados con estes instrumentos: desde o contexto xeral do órgano en Galicia até os principais instrumentos que podemos atopar na nosa terra, facendo tamén referencia aos organistas que traballaron en Galicia e aos organeiros e a industria organeira galega ao longo da Historia.