Nova: Axudas de 2015 para os festivais galegos de escena e de música

27/02/2015

Axudas de 2015 para os festivais galegos de escena e de música

Contan cunha partida de de 370.000 euros o que supón un incremento en 10.000 euros o orzamento para as mostras escénicas, que se eleva a 160.000 euros, e mantén os 210.000 destinados aos eventos musicais

O DOG publica hoxe as bases destas subvencións, que poderán solicitarse desde mañá e ata o 27 de marzo para os certames desenvolvidos entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro deste ano

A prioridade desta liña de apoio é contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais, así como dinamizar a contratación artística e a creación de públicos

  • Un momento da actuación de Peter Punk en Cangas durante a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, certame subvencionado pola Agadic en 2014 Un momento da actuación de Peter Punk en Cangas durante a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, certame subvencionado pola Agadic en 2014

Santiago, 27 de febreiro de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas a festivais de artes escénicas e de música, que este ano contan cunha dotación de 370.000 euros para apoiar aqueles eventos de carácter profesional celebrados en Galicia entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015.

Esta liña de apoio, que forma parte do programa anual de subvencións da Agadic á industria cultural galega, experimenta un incremento de 10.000 euros no seu orzamento respecto ao ano pasado, aumento que incide directamente na modalidade de mostras escénicas, ás que se achegarán 160.000 euros. No caso dos festivais de música, mantense o importe de 210.000 euros.

Ademais, e do mesmo xeito que está a suceder con outras convocatorias de 2015, estas axudas adiantaron en tres meses a data da súa publicación en resposta ás suxestións recibidas desde o propio sector no sentido de mellorar a súa adecuación temporal aos procesos de produción dos eventos.

Iniciativa privada e municipal
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá sábado día 28 de febreiro ata o venres 27 de marzo para aqueles festivais de iniciativa privada ou municipal cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos.

Entre os requisitos esixidos, establécese así mesmo que o 40 por cento do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e do 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20 por cento da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan.

Carácter estratéxico
O texto fai especial fincapé na consideración dos festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalización, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.

A prioridade desta vía de apoio é contribuír á consolidación do mapa galego de festivais culturais, á dinamización das contratacións artísticas e ao fomento de espectadores, ao tempo que se optimizan os recursos públicos para este tipo de eventos. A través dela, cofinanciáronse en 2014 un total de 10 encontros escénicos e 16 musicais celebrados nas catro provincias galegas.

Esta é, ademais, unha das nove liñas de subvención que a Agadic ten previsto convocar neste exercicio para atender as diferentes fases dos procesos de creación, produción, distribución e promoción dos produtos culturais galegos. Neste programa insírese tamén unha convocatoria específica para festivais do sector audiovisual, publicada a finais do pasado mes de decembro cunha dotación de 90.000 euros e actualmente en trámite cara á súa adxudicación.

Comparte