Nova: A Xunta sitúa Galicia como Polo Europeo de creación audiovisual a través do proxecto ‘European Writers Club’
30/06/2022
A Xunta sitúa Galicia como Polo Europeo de creación audiovisual a través do proxecto ‘European Writers Club’
O director da Axencia galega de Industrias Culturais interveu hoxe na presentación da iniciativa no mercado profesional Série Series, que se celebra na localidade francesa de Fontainebleau
O programa, financiado pola Unión Europea con 1M€, conta tamén coa participación doutras entidades e institucións de Dinamarca, Estonia, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia, Islandia e España
O obxectivo é acadar un espazo común de xeración de contidos para televisión mediante a relación e implicación directa de guionistas, executivos de televisión e empresas produtoras e distribuidoras
Fontainebleau (Francia), 30 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia e o clúster audiovisual danés Vision Denmark son os dous socios principais de European Writers Club, programa deseñado para inspirar e fomentar a colaboración internacional entre guionistas, produtores e responsables de contido de canles e plataformas televisivas, o que suporá situar a nosa Comunidade autónoma como polo destacado da creación audiovisual europea. Así o anunciou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen participou hoxe na presentación do proxecto levada a cabo en Série Series, o mercado profesional para produtos de televisión que se está a desenvolver na cidade francesa de Fontainebleau.
Baixo o lema Creando historias xuntos, European Writers Club conta cun financiamento dun millón de euros da Unión Europea para o desenvolvemento e execución do proxecto piloto, no que a Xunta participa como socio principal xunto coa entidade Vision Denmark. Nesta fase inicial, incorpóranse tamén institucións públicas de ámbito nacional como os institutos de cine de Dinamarca, Estonia e Irlanda, a entidade pública Nordisk Film&TV Fond e as asociacións nacionais de guionistas de Suecia, Noruega, Finlandia, Islandia e España, sendo neste caso a SGAE a sociedade que representa os autores locais.
Cóntase, ademais, coa colaboración de obradoiros internacionais de referencia na creación audiovisual como Le Groupe Ouest (Francia) e Torino Film Lab (Italia). O proxecto facilitará un espazo común no ámbito europeo para que os produtos resultantes poidan competir con maior facilidade nas plataformas VOD e na conquista de audiencias globais. O obxectivo principal é acelerar o proceso que vai da idea ao mercado, potenciando os temas e contidos locais con capacidade de recepción universal.
Para isto, European Writers Club proporcionaralle soporte e medios a unha rede internacional de creadores que xeren ideas e conceptos. Metodoloxicamente, desenvolverase en tres sesións de impulso que se levarán a cabo en Copenhague, Tallin e Dublín, nas que participarán os guionistas seleccionados en cada caso xunto cos executivos de canles de radiodifusión e distribuidores.
O programa chegará de xeito presencial a Galicia do 30 de maio ao 5 de xuño de 2023, onde se levará a cabo unha das sesións finais de impulso de conceptos coa participación dunhas 80 persoas entre guionistas, asesores expertos, executivos de televisión, distribuidores de series e representantes de produtoras. Estará titorizada polo Torino Film Lab e analizará as necesidades concretas dos creadores de contido mediante unha filosofía baseada no traballo práctico de xeito colaborativo como ferramenta eficaz para fortalecer a calidade dos conceptos e potenciar o proceso creativo.
Explicou así mesmo que, para o Goberno galego, coliderar o European Writers Club marca un paso importante na estratexia de internacionalización do audiovisual galego, e segue a senda marcada por eventos como CONECTA Fiction, cuxas dúas primeiras edicións se celebraron en Santiago de Compostela en 2017 e 2018 co apoio da Xunta, a sinerxía constante como membro da fundación europea MEDIA ou o impulso, mediante a concesión das súas subvencións anuais, a series galegas coproducidas entre varios países.