Nova: Galicia oficializará en xullo a petición ao Goberno central dun PERTE cultural que recoñeza o peso do sector na economía
30/06/2022
Galicia oficializará en xullo a petición ao Goberno central dun PERTE cultural que recoñeza o peso do sector na economía
O Consello da Xunta informa sobre a vintena de propostas para optar aos fondos europeos que se van enviar a Madrid: “A cultura non pode quedar á marxe da grande oportunidade que supoñen os fondos europeos”, di o titular do Goberno galego
No seu conxunto contan cun orzamento próximo aos 400M€, cifras que constatan a necesidade de que a cultura conte con ferramentas de apoio europeas específicas para acompañar a transformación dixital e internacionalización da cultura galega
O presidente da Xunta subliña a colaboración co sector nun proceso no que participaron máis de 120 entidades e institucións que realizaron 82 achegas que enriquecen proxectos xa elaborados e permiten crear outros novos
Trátase iniciativas vinculadas coa dixitalización do patrimonio e da lingua galega, a recuperación das tradicións, a innovación nos museos, o reforzo das industrias culturais ou o fomento da oferta cultural no rural, entre outras
Santiago de Compostela, 30 de xuño 2022 O presidente da Xunta, Afonso Rueda, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello, que o Goberno galego vai remitir este mes de xullo ao Goberno central unha vintena de proxectos culturais solicitando un PERTE cultural que recoñeza a importancia deste sector na economía, un mecanismo ata agora inexistente en España e que Galicia considera “necesario” para acompañar a transformación dixital, reforzar a creación, produción e a internacionalización da cultura galega. De non ser posible, o titular do Executivo galego propuxo como “segunda opción” un PERTE descentralizado, tal e como asegurou que demandan outras comunidades autónomas.
Como resultado, a Xunta presentará oito proxectos deseñados polo Goberno autonómico que foron enriquecidas coas achegas do sector. Son Cultura Emerxente, para difundir o resultado dos procesos creativos dentro e fóra de Galicia, que incluirá un amplo programa cultural centrado no folclore, Cultura Circular, para a dixitalización da cultura galega cunha plataforma en liña que reúna, preserve e investigue toda a documentación relativa ás artes escénicas de Galicia, A nosa pegada, para a mellora de bens singulares do patrimonio, cunha base de datos dixitalizada con todos os bens patrimoniais de Galicia e coa posta en marcha dunha plataforma hipertextual e multimedia para divulgar o patrimonio histórico-cultural.
A eles súmanse 11 máis, que foron propostas directamente elaboradas polo sector. Trátase de REDAR. Recuperación de oficios tradicionais e traballos artesáns, que supón a creación dunha estratexia de documentación e innovación sobre as prácticas artesanais e oficios tradicionais, Sons e ritmos & residencias artísticas, coa posta en marcha dunha libraría de sons e ritmos tradicionais galegos ou Territorio Escena,un proxecto para crear residencias comarcais para o fomento das artes escénicas no rural galego.
No seu conxunto, é unha listaxe de proxectos froito do debate, diálogo e intercambio de ideas que recompilan as principais necesidades do sector cultural galego. Durante o proceso, que comezou a principios deste ano, presentáronse un total de 82 achegas por parte de 55 entidades, entre asociacións, universidades, museos, fundacións, editoriais e empresas privadas. De todos eles, a maior parte, un total de 71, foron propostas que serven para enriquecer, mellorar e completar as oito iniciativas xa esbozadas por parte da Xunta. Este proceso para a xestión dos fondos europeos no eido cultural comezou o pasado mes de febreiro, cunha primeira xornada informativa co sector.