Nova: A Xunta busca as orixes do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil
02/07/2022
A Xunta busca as orixes do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil
O obxectivo da actuación arqueolóxica baixo a sancristía da igrexa é ampliar os datos obtidos das sondaxes levadas a cabo hai uns meses neste espazo
Nos últimos anos o Goberno galego investiu 300.000€ neste mosteiro que conta coa categoría de Ben de Interese Cultural e de Monumento Nacional
É un dos inmobles de maior valor histórico e cultural do ámbito da Ribeira Sacra
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia pon en marcha unha actuación arqueolóxica no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, co fin de investigar as orixes deste inmoble que conta coa categoría de Ben de Interese e Cultural de Monumento Nacional.
Os traballos que están actualmente en marcha permiten ampliar os datos obtidos nas sondaxes valorativas que se levaron a cabo no espazo interior baixo a actual sancristía da igrexa hai uns meses. Nesta actuación, que se fixo nunha superficie duns 15 metros cadrados, definíronse restos de muros anteriores á actual sancristía, datada so século XVII a só 10 centímetros da superficie.
Segundo os resultados das sondaxes, trátase dunha estrutura duns 150 centímetros de ancho e dun segundo muro, duns 90 centímetros, que se apoia na rocha natural e que parece pechar case en ángulo recto coa anterior estrutura. Ademais, no transcurso dos traballos tamén se localizou unha tumba feita a base de pedras fincadas e escavada na rocha.
Así, tendo en conta a importancia dos achados e os valores culturais deste mosteiro, un dos principais bens da Ribeira Sacra, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades considerou necesario ampliar os traballos a través dunha escavación arqueolóxica para favorecer a investigación e poder definir con maior detalle neste inmoble cuxa posible orixe é que fora un eremitorio creado en torno ao século VI.
En concreto, actualmente estase levando a cabo a intervención arqueolóxica nunha superficie duns 60 metros cadrados baixo a sancristía na que se están tomando datos e realizando analíticas para facilitar a datación dos restos. Os traballos inclúen así mesmo o levantamento topográfico mediante fotogrametría 3D da escavación arqueolóxica. Completaranse coa divulgación entre a comunidade local mediante unha visita guiada unha vez rematados os traballos.
Os traballos forman parte do compromiso do Goberno galego con este ben, no que nos últimos anos xa investiu 300.000€ para solucionar os importantes problemas de conservación e mantemento da igrexa co fin de evitar o seu deterioro. As últimas obras centráronse en limpar e reparar as filtracións de auga, mellorar o rexuntado, reparar a cuberta e en restaurar as zonas da antesancristía e sancristía.
O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas Sil, segundo a tradición, foi fundado por San Martiño de Dumio, ao que tamén se lle atribúe a fundación do mosteiro de San Pedro de Rocas. O actual edificio é un templo de estilo románico de finais do século XII e principios do XIII que conta con planta basilical con tres ábsidas semicirculares na cabeceira e cunha nave cuberta por unha bóveda de crucería, que substituíu no século XVI á orixinal teitume de madeira.