Nova: A Xunta abre dúas novas liñas de axudas para editoriais e creadores literarios por máis de 200.000 euros

03/07/2022

A Xunta abre dúas novas liñas de axudas para editoriais e creadores literarios por máis de 200.000 euros

Facilítase que as obras que publican as editoras galegas cheguen aos lectores, xa que sufragan os gastos de edición, distribución e comercialización

A outra convocatoria favorece que os escritores, ilustradores e tradutores promovan as letras galegas en feiras, seminarios, encontros, estadías ou obradoiros

Enmárcanse no apoio do Goberno autonómico ao sector do libro e editoriais que ascende a 1,6M€ con medidas como o apoio ás feiras do libro, actividades de dinamización da lectura ou á adquisición de novidades editoriais, entre outras
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia vén de abrir dúas novas convocatorias de axudas para facilitar o traballo de editoriais e profesionais da escritura, ilustración e tradución por un importe global superior ás 200.000 euros. Por un lado, ábrese a liña de axudas dirixida ao sector editorial galego co obxectivo de impulsar a distribución das obras editadas e, deste xeito, facilitar que cheguen ao público lector.

En concreto, como se pode consultar no Diario oficial de Galicia, as axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das súas publicacións. Entre os gastos subvencionables están os derivados de actividades como a tradución e corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión, impresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

Á convocatoria poden presentarse as empresas editoriais que desenvolvan a súa actividade en Galicia, e os libros obxecto de axuda deberán cumprir cunha serie de requisitos como estaren editados en Galicia e comercializados a través de librarías ou doutras plataformas de distribución física ou dixital, contar unha tiraxe mínima determinada nas bases; ter un plan de distribución e comercialización en España ou fóra de España; ser a primeira edición dunha obra inédita ou ben dunha obra cuxa última edición na lingua que se propón publicar teña unha antigüidade de máis de 15 anos, e posuír un mínimo de páxinas por exemplar, entre outros.
 

A orde tamén especifica os criterios de reparto das contías en función dunha serie de porcentaxes segundo o investimento presentado para cada publicación. En todo caso, cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 20 libros e o importe máximo adxudicado a cada unha delas non superará os 30.000 euros. O prazo para solicitar as axudas remata o 1 de agosto.

 
Dinamización do sector

Por outro lado, o Diario Oficial de Galicia tamén informa da apertura da convocatoria das axudas a escritores, ilustradores e tradutores para que poidan participar nas distintas actividades que se realicen no sector do libro como feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas que se celebren ao longo deste ano co fin de favorecer a promoción do libro galego.

Os requisitos para poder beneficiarse destas axudas son ter asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia no prazo establecido na presente convocatoria, acreditar o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro na Comunidade e ter publicado algunha obra en Galicia como escritor, ilustrador ou tradutor nos últimos tres anos.

Para estas axudas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades destina un importe de 30.000 euros para o financiamento dos gastos da viaxe referidos a aloxamento e transporte. O prazo de presentación estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro e os interesados deberán enviar o formulario, preferiblemente por vía electrónica, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta. Só poderán solicitar axudas para asistir a unha única feira o festival internacional.

Intensas medidas de apoio

Ademais das axudas á distribución e ás feiras a Xunta mantén tamén outras convocatorias para o sector do libro como as dirixidas ás librarías para o apoio á difusión da lectura, ou o apoio ás Feiras do Libro de Galicia con 13 paradas en distintas cidades e vilas ata o mes de agosto, o impulso á dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que acadan en conxunto os 1,6 M€. Ademais, este ano retomouse a a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

Comparte