Nova: A mostra Outra mirada afonda na paixón de Torrente Ballester pola fotografía

03/03/2015

A mostra Outra mirada afonda na paixón de Torrente Ballester pola fotografía

Un total de 60 imaxes conforman a exposición, comisariada por Lucía Alcaina e Begoña Álvarez

  • Imaxe da mostra GTB.Outra mirada Imaxe da mostra GTB. Outra mirada

Santiago, 3 de marzo de 2015.- A Fundación Gonzalo Torrente Ballester inaugurou  ‘GTB fotógrafo. Outra mirada’, unha exposición que reúne un total de 60 imaxes realizadas polo escritor cunha cámara Yashica montada sobre un trípode. Comisariada por Lucía Alcaina e Begoña Álvarez, a mostra conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Concello de Santiago, da Deputación Provincial da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A través da imaxes que a conforman, a exposición “permite reparar nos intereses do escritor, na súa forma de ollar a realidade, no diálogo persoal e íntimo que semella establecer cos elementos e as persoas que centran as súas fotos”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen tamén se referiu ao interese do material fotográfico para botar nova luz sobre esta “esta inmensa figura da literatura”.

O Torrente Ballester fotógrafo
A exposición enmárcase no labor de recuperación do material fotográfico de Torrente Ballester iniciado pola fundación desde hai anos. En 2010, a entidade realizou un mostra con imaxes que apuntan a escenarios e fragmentos das súas obras literarias. Posteriormente, en 2014, incorporáronse á mostra un grupo significativo de imaxes con temas clásicos da fotografía de intención estética, froito da curiosidade do escritor.

O pasado mes de febreiro, as alumnas en prácticas de Xeografía e Historia da USC Lucía Alcaina e Begoña Álvarez realizaron o comisariado desta nova exposición, baixo a coordinación do xerente da fundación, Miguel Fernández-Cid.

Comparte