Nova: Teatro Ensalle estrea Las calles corrían por las calles

04/03/2015

Teatro Ensalle estrea Las calles corrían por las calles

A compañía actúa en Vigo ata o domingo día 8 para iniciar despois unha ampla xira por España e México

Artús Rei, Raquel Fernández e María Costa interpretan a montaxe dirixida por Pedro Fresneda a partir dun texto de creación propia
 

  • Las calles corrían por las calles Las calles corrían por las calles
  • 'Las calles corrían por las calles' Las calles corrían por las calles

Vigo, 4 de marzo de 2015.- Teatro Ensalle estrea mañá en Vigo o seu espectáculo ‘Las calles corrían por las calles’, a nova proposta que a compañía que rexenta a sala homónima da cidade olívica produciu este ano con subvención da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e que exhibirá ata outubro en 15 escenarios de España e México.

Baixo a dirección de Pedro Fresneda, Artús Rei, Raquel Hernández e María Costa interpretan esta montaxe, na que Ensalle volve amosar o seu estilo persoal de traballo, que se separa dos contidos argumentais e das experiencias dos personaxes para centrase nun compromiso coa escena como expositor de inquietudes sociais.

Nesta ocasión, o espectáculo construído cos actores a partir dun texto escrito por Fresneda dirixe a mirada cara á propia experiencia da compañía ao longo de máis de doce anos, indagando no aprendido de mestres e artistas, pero tamén nas rúas, nas casas, nos bares e en calquera lugar de encontro. Así, tomando como título a frase ‘las calles corrían por las calles’ extraída do libro ‘El señor presidente’ do Nobel guatemalteco Miguel Ángel Asturias, Ensalle reivindica a curiosidade e a creatividade fronte á mediocridade que, ao seu modo de ver, se estende cada vez en máis ámbitos do comportamento humano.

Este é un dos 26 espectáculos galegos beneficiarios das axudas que a Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou en 2014 á dinamización escénica en Galicia, polas que se concederon o pasado ano 600.000 euros. Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as novas bases que rexerán a convocatoria para 2015.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistirá mañá ás 22:00 horas á primeira das catro representacións de ‘Las calles corrían por las calles’ que se levarán a cabo ata o domingo no Teatro Ensalle. O espazo vigués será o punto de partida para a prolongada xira que se desenvolverá ata o mes de outubro polos escenarios españois e mexicanos e que terá como destinos, entre outros, Aranjuez, Santander, Tenerife, Valencia, Bilbao, Cáceres, Veracruz, Chiapas, San Luis de Potosí, Guanajuato, Yucatán ou Sinaloa.
 

Comparte