Nova: ALT.procrea impulsa a creación artística feminina

04/03/2015

ALT.procrea impulsa a creación artística feminina

A iniciativa comeza este ano co diálogo entre seis creadoras de danza coa obra plástica de Laxeiro e enmárcase no Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo

  • Shushi gratis é un dos espectáculos do programa Procrea en feminino Shushi gratis é un dos espectáculos do programa Procrea en feminino
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación do ALT Procrea en Feminino O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación do ALT Procrea en Feminino

Vigo, 4 de marzo de 2014.- O programa ALT.procrea en Feminino impulsa un ano máis a creación contemporánea realizada por mulleres coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A nova andaina da iniciativa foi presentada hoxe en Vigo, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o apoio e o acompañamento que o programa lles ofrece ás artistas nas diferentes etapas do seu proceso creativo, poñendo ao seu dispor os recursos e o asesoramento necesarios para o seu desenvolvemento.

“Asesorar e acompañar artisticamente os proxectos das nosas creadoras, así como darlle unha maior visibilidade ao talento feminino son obxectivos prioritarios deste programa”, dixo. “Por iso –engadiu– celebramos a realización de actuacións coma esta, que deben estar presentes na planificación das políticas culturais actuais”.

Exploración da creatividade con múltiples formatos
As protagonistas desta iniciativa son as mulleres, as artistas que forman parte cada ano do programa, como Cristina Balboa e Olga Cameselle (Lez), que participaron na rolda de prensa de presentación, Ánxela Blanco, Beatriz Pérez, Lúa Gándara, Sara Molina, Ana Vallés, Kirenia C. Martínez e Mercé de Rande; “artistas con diversas traxectorias creativas e formativas, de diferentes procedencias, que nos amosarán nos próximos días as súas propostas, as súas olladas sobre a arte e a exploración da creatividade a través de múltiples formatos”, afirmou Anxo Lorenzo.

Micro-pezas danzadas
Na rolda de prensa tamén participaron o responsable do programa, Roberto Taboada; a directora da Área de Igualdade da Universidade de Vigo, que colabora co ALT.procrea, Anabel González Penín; e o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier P. Buján.

A sede da fundación será un dos escenarios para a presentación dos proxectos das artistas, cunha actividade, ‘Exposición danzada’, realizada para este espazo concreto e a súa colección permanente, e que terá lugar o 11 de marzo ás 20:30 horas. Un total de seis creadoras de danza e artes do movemento, Ánxela Blanco, Ana Gouveia, Ana Beatriz Pérez Enríquez, Kirenia Celia Martínez Acosta, Olga Cameselle ‘Lez’ e Mercé de Rande, enfrontaranse cada unha a unha obra escollida da colección da fundación, o que dará lugar a micro-pezas de danza, establecendo un diálogo entre as artes plásticas e a expresión cinética corporal.

Ademais destas micro-pezas –coas que se creará un itinerario para que o público se achegue dun xeito diferente á obra de Laxeiro–, ALT.procrea levará ‘In Time’, o 12 de marzo, ás 19 horas, á Casa das Artes, onde terá lugar a presentación pública do traballo en proceso de Sara Molina e Ana Vallés, un encontro en Vigo desde Granada e Boqueixón.

Tamén na Casa das Artes, o domingo 15 de marzo ás 17 horas será a quenda de ‘Sushi gratis’, coa presentación do traballo en proceso de Cristina Balboa e Lúa Gándara. As reflexións de dúas mulleres sobre a necesidade do drama e a esaxeración para levar unha vida máis acorde coas súas percepcións románticas sobre a arte ou mesmo a felicidade centran esta proposta.

Contribuír á visibilización das artes vivas
A Secretaría Xeral de Cultura vén apoiando o desenvolvemento de espazos de innovación e reflexión arredor das denominadas artes do movemento, co obxectivo de crear espazos de intercambio de experiencias e proxectos, impulsar a presenza das artes escénicas nos programas culturais, contribuír á visibilización e á actualización das linguaxes das artes vivas e promover a creación de redes no sector artístico galego.

Nesta liña de apoio, o departamento dirixido por Anxo Lorenzo colabora un ano máis con ALT.procrea en feminino, un proxecto que viu a luz en 2012 ao abeiro do festival ALT, o Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, e que este ano regresa á cidade da oliveira entre o 9 e o 15 de marzo.

Comparte