Nova: Román Rodríguez defende no Festival de Almagro a calidade, diversidade e potencial do teatro galego
09/07/2022
Román Rodríguez defende no Festival de Almagro a calidade, diversidade e potencial do teatro galego
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades interveu hoxe no acto central conmemorativo do Día de Galicia neste prestixioso certame internacional, que celebra a súa 45ª edición coa nosa Comunidade como convidada de honra
“Ábrense as portas a que milleiros de persoas poidan apreciar de primeira man un anaco tan importante, plural e aberto, da nosa historia como pobo”, afirmou
A presentación institucional, celebrada no icónico Corral de Comedias da localidade manchega, contou coa interpretación musical a cargo de Xoán Curiel, Xosé Lois Romero e Bleuenn Le Friec
A achega teatral galega á carteleira de Almagro 2022 complétase co espectáculo ‘Estrela do día’ e as coproducións do Centro Dramático Galego ‘La Toffana’, ‘A barca do inferno’ e ‘Arte sen guión’
A presenza galega no evento recoñece a achega da lírica trobadoresca galega á produción literaria do Século de Ouro
Almagro (Cidade Real), 9 de xullo de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reivindicou esta tarde no marco do Día de Galicia no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro a calidade, diversidade e potencial de expansión da produción escénica galega actual, e valorou a oportunidade de ampliar públicos para o noso teatro que ofrece a presenza no certame manchego, un dos máis prestixiosos do mundo na difusión actualizada do teatro clásico e do Século de Ouro.
O representante da Xunta de Galicia encabezou a delegación artística e institucional galega desprazada a Almagro para participar nas accións e funcións que integran a representación de Galicia como Comunidade convidada de honra na 45ª edición do evento, onde estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais polo director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez.
Visión plural e aberta
No acto, celebrado no icónico Corral de Comedias, o titular de Cultura do Goberno galego felicitou os responsables do festival polo seu labor dinamizador e de divulgación da extensa tradición teatral ligada ao Século de Ouro, un período literario que bebe tamén da lírica trobadoresca galega, e expresou que para Galicia “é un auténtico honor ser a Comunidade convidada este ano”, xa que deste xeito “ábrense as portas a que milleiros de afeccionados ao teatro poidan apreciar de primeira man un anaco tan importante, plural e aberto, da nosa historia como pobo”. “Honra moito á dirección do festival ter apostado por unha sensibilidade dramática como a galega, inscrita nuns códigos literarios nos que prevalece un elemento diferencial evidente: o uso da nosa lingua propia”, engadiu.
Tamén tivo palabras de satisfacción polo feito de compartir carteleira con Uruguai como país convidado, “co que nos une unha ampla historia común a través da emigración e da descendencia”.
Tras as intervencións das autoridades tivo lugar a actuación musical galega a cargo do trío integrado por Xoán Curiel (voz e guitarra), Xosé Lois Romero (voz e acordeón) e Bleuenn Le Friec (voz e arpa celta), coa interpretación de cinco temas do proxecto Treides comigo!, centrado nas cantigas de amigo medievais e en textos galegos do Século de Ouro e que inclúe unha versión musicada das Décimas ao Apóstolo Santiago, escritas por Martín Torrado Mariño en 1627, iniciativa financiada mediante o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo.
Teatro en galego e inclusivo
A carteleira artística galega en Almagro complétase con catro espectáculos teatrais, ademais da representación compartida baixo o título Suenen todos los acentos, que xa tivo lugar na inauguración do festival o pasado día 30 de xuño e na que participou Pilar Pingarrón, da compañía Moving Compass. Así, a pasada noite e hoxe mesmo, despois do acto do Día de Galicia, Producións Teatrais Excéntricas escenificará na Casa Palacio dos Villareal o seu espectáculo Estrela do día, estreado o pasado ano no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, con dramaturxia de Quico Cadaval a partir das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio e dirección de Marcos PTT Carballido. Estas funcións lévanse a cabo utilizando o sistema inclusivo de linguaxe de signos promovido polo Centro Dramático Galego para o Salón Teatro de Santiago de Compostela, e aplicarase agora en Almagro utilizando a mesma tecnoloxía.
O escenario da antiga universidade renacentista acollerá o día 13 a estrea absoluta de La Toffana, de Vanessa Montfort e con dirección de María Herrero, unha coprodución da compañía institucional galega con Flexión Teatro, colectivo do que forma parte a compañía galega La Quintana Teatro.
Ofreceranse tamén as montaxes A barca do inferno, de Moving Compass, unha versión contemporánea mediante a técnica de manipulación de obxectos a partir do texto clásico de Gil Vicente e dirixida por Rafael Rey (o 20 de xullo no Corral de Comedias); e Arte sen guión, de Galeatro, outra proposta que rescata a temática medieval, con dramaturxia e dirección de Miguel Canalejo, e que levará a cabo dúas funcións os días 23 e 23 na Casa Palacio de Juan Jedier. As dúas pezas son tamén coproducións co CDG e a Cidade da Cultura de Galicia.
Estrela do día e A barca do inferno representaranse en galego, La Toffana en castelán e Arte sen guión en galego e castelán.
Galicia é a terceira comunidade autónoma en ser convidada especial polo Festival de Almagro, unha acción que os organizadores do encontro explican no seguimento da senda de descentralización do canon eminentemente castelán do Século de Ouro e na procura das linguas cooficiais e nos acentos doutras teatralidades clásicas. “Non é baladí que sumemos Galicia como Comunidade autónoma convidada nesta edición polo seu rico patrimonio cultural, polo seu achegamento continuo ao teatro barroco e pola súa lingua tan musical e exquisita”, explican.