Nova: Espectáculos galegos xiran por 16 países e participan en 19 feiras profesionais co apoio das axudas ás actividades de distribución cultural da Xunta
17/07/2022
Espectáculos galegos xiran por 16 países e participan en 19 feiras profesionais co apoio das axudas ás actividades de distribución cultural da Xunta
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades adxudica 460.000 euros en subvencións, a través das que se contribúe ao desenvolvemento de 512 funcións escénicas e concertos
Ainé Producións, Voadora, Teatro Ensalle, Títeres Cachirulo, Xabier Díaz, Guadi Galego ou Carlos Núñez atópanse entre os máis de 50 artistas, empresas e formacións beneficiarias na convocatoria de 2022
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2022.- A Xunta de Galicia vén de adxudicar 460.000 euros en subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais. A través desta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades promove este ano a exhibición da produción artística dos sectores galegos da música e das artes escénicas ao cofinanciar os gastos asumidos por máis de 50 empresas culturais no desenvolvemento de 512 actuacións tanto en xiras por Galicia e polo resto de España como nas súas incursións ao estranxeiro. Do cómputo global de actuacións, 321 responden á funcións escénicas e as 191 restantes, a concertos.
As contías outorgadas, cuxa relación se pode consultar na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, permiten que diferentes compañías escénicas e formacións musicais visiten durante este ano 16 países para amosar os seus espectáculos no exterior. México, Uruguai, Arxentina, República Dominicana, Cuba, Colombia, Brasil e Paraguai son os destinos latinoamericanos, mentres que as actuacións no continente europeo se reparten entre Alemaña, Austria, Francia, Portugal, Suíza, Reino Unido, Hungría e Italia.
A Xunta tamén fomenta a través desta liña de axudas a presenza de 17 empresas galegas en 19 feiras profesionais neste 2022. No ámbito musical, promóvese a asistencia de bandas, distribuidoras e firmas discográficas galegas en citas destacadas no panorama internacional —Womex Lisboa 2022, Cubadisco da Habana ou The Great Scape— e no estatal —Primavera Pro de Barcelona, Mercat de Música Viva de Vic ou Fira B! das Illas Baleares—. En canto ás artes escénicas, estase a facilitar este ano a participación de compañías en citas clave do circuíto estatal como son Madferia, Mercates, DFeria e Fetén-Xixón.
De Carlos Núñez a ‘Fariña’
A través destas subvencións, coas que o Goberno galego impulsa a distribución e a comercialización da creación artística galega tanto na Comunidade como no exterior, contribúese con 25.000 euros para sufragar os gastos correntes da xira de 18 concertos que Carlos Núñez está a ofrecer por escenarios e festivais de España, Francia e Inglaterra. Idéntica cifra recibe a produtora Ainé para as representacións do seu espectáculo Fariña en dez escenarios de Madrid, Ávila, Girona, Soria e Biscaia. Pola súa banda, Títeres Cachirulo recibe máis 12.000 euros para amosar ao longo deste 2022 os seus espectáculos por toda España e participar en certames de monicreques de prestixio como son o festival arxentino de Mar de Plata, o Festival Utebo de Zaragoza ou o encontro brasileiro de bonecos xigantes de Pernambuco nunha serie de 55 actuacións.
A compañía Voadora percibe no ano da súa despedida dos escenarios máis de 9.000 euros para as funcións de Othello sobre ás táboas do Theater Und Orchestre de Heidelberg, en Alemaña, e do Teatro Nacional São João do Porto, e a formación de danza La Macana recibe máis de 8.000 para os gastos derivados das súas saídas a Portugal, Alemaña e Austria, ademais das súas citas en localidades de Cataluña, País Vasco e Comunidade Valenciana. Dunha contía moi semellante dispón Teatro Ensalle para a xira por México do seu espectáculo Antes de que llegue la Bestia.
A Xunta contribúe tamén coa presentación do terceiro disco de Xabier Díaz xunto ás Adufeiras de Salitre, As Catedrais silenciadas, con máis de 24.000 euros para afrontar a xira de 13 concertos con paradas en Castela e León, País Vasco, Asturias, Aragón, Madrid e Portugal. Esta convocatoria á distribución nas industrias culturais outórgalle 5000 ao violinista Alfonso Franco para o conxunto dos seus once recitais en Brasil e Portugal. A distribuidora Culturactiva SCG é outra das máis de 50 beneficiarias destas axudas para cofinanciar, no seu caso, os gastos de artistas tan destacadas da nosa produción melódica como son Guadi Galego, Mercedes Peón ou Leilía.