Nova: A sexta edición do 17º Ribeira Sacra reúne 15 bandas no seu cartel co apoio da Xunta a través das subvencións a eventos musicais e da marca de calidade Fest Galicia

18/07/2022

A sexta edición do 17º Ribeira Sacra reúne 15 bandas no seu cartel co apoio da Xunta a través das subvencións a eventos musicais e da marca de calidade Fest Galicia

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación desta cita que se celebra entre os días 28 e 31 en adegas, paraxes naturais e enclaves históricos da contorna

Este encontro, que inclúe no seu programa bandas como Eladio y los Seres Queridos, Lola Marsh Coolnenas ou Manel, é un dos 21 beneficiarios das axudas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades á organización de festivais

 

 

Sober (Lugo), 18 de xullo de 2022 A sexta edición do 17º Ribeira Sacra Festival ofrecerá os concertos de 15 bandas entre os días 28 e 31 de xullo, para o que contará coa contribución da Xunta de Galicia a través dunha dupla vía. Por unha banda, este encontro musical, que reparte o seu programa entre diversos concellos pertencentes á comarca da denominada viticultura heroica, está adherido á marca FEST Galicia coa que o Goberno galego promove a nosa Comunidade como destino musical de calidade. Pola outra, é un dos 21 festivais beneficiarios da convocatoria anual de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 350.000 euros para contribuír á organización de eventos musicais de carácter profesional e considerados estratéxicos.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acudiu hoxe ás Bodegas Regina Viarum para participar na presentación do 17º Ribeira Sacra Festival xunto ao seu director, Carlos A. Montilla, e representantes doutras entidades patrocinadoras. Sutil sinalou “a variedade e a calidade” do cartel deste festival que amosa como a cultura “revitaliza o rural e establece sinerxías” con sectores como a gastronomía, o patrimonio, a natureza e a viticultura, catro piares nos que sustenta tanto a riqueza da Ribeira Sacra coma a actividade do festival.  

 
Enclaves singulares

A singularidade dos espazos nos que se instalarán os escenarios é un dos sinais de identidade do 17º Ribeira Sacra Festival, que neste 2022 volve apostar por brindarlle ao público a posibilidade de gozar con propostas musicais de calidade en lugares de excepcional beleza desta contorna natural na que conflúen os ríos Sil, Miño e Cabe. Os concertos terán lugar así en enclaves naturais como o Mirador de Santiorxo, no casco antigo de Chantada, na reitoral de artesanía de Gundivós ou mesmo nun catamarán en plena navegación polo propio Sil.

 

Nesta liña, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor o potencial dinamizador da música como atractivo turístico, ao tempo que destacou como a actividade do 17º Ribeira Sacra Festival encaixa á perfección cos obxectivos de FEST Galicia, marca coa que a Xunta promociona o noso territorio cara ao exterior como lugar de referencia e de calidade a través de eventos que funcionan de xeito profesional e que lle achegan valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.

 

Un día máis de programa

A sexta edición do 17º Ribeira Sacra Festival ampliará neste 2022 a súa duración ao incorporar unha cuarta xornada ao seu programa. O cartel deste ano repartirá así entre o xoves 28 e o domingo 31 os concertos de 15 bandas que conforman unha selección de propostas de calidade, tanto do panorama nacional coma do internacional. Bandas e solistas como os británicos The Hanging Stars, os escoceses Teenage Fan Club, os israelís do grupo Lola Marsh, o vasco Amorante, a madrileña Alicia Wonder ou cataláns Manel actuarán nos diferentes escenarios.

 

A representación galega corre a cargo de formacións artísticas como Eladio y los Seres Queridos, Rapariga DJ ou Coolnenas, colectivo que inclúe a compostelá mariagrep, a viguesa Daniela Díaz Costas —máis coñecida simplemente como dani— e a canaria Kimberley Tell.

 

A programación desta sexta edición inclúe tamén unha selección de actividades paralelas ao redor da natureza e da gastronomía. Na oferta deste ano, destaca a cata Territorios Vinícolas, que terá lugar no Parador de Monforte e na que se darán probar viños de tres áreas de produción vencellados entre si por acoller festivais irmáns do 17º Ribeira Sacra Festival: Esférica Rioja Alavesa e Nómade, en els Alforins (Valencia).

Comparte