Nova: A Xunta pon en marcha o censo de embarcacións tradicionais de Galicia coa inclusión dos primeiros 23 barcos
26/07/2022
A Xunta pon en marcha o censo de embarcacións tradicionais de Galicia coa inclusión dos primeiros 23 barcos
Este rexistro é unha das medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira que se recollen na declaración BIC, aprobada en 2019
O Diario Oficial de Galicia comeza a publicar hoxe as resolucións de incorporación tras a autorización do órgano de xestión impulsado pola Consellería de Cultura
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia inclúe os primeiros 23 barcos no rexistro de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, unha base de datos integrada no Censo de Patrimonio Cultural e que forma parte das medidas de salvagarda postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para garantir o legado das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira que se recollen na declaración de Ben de Interese Cultural aprobada en 2019.
As primeiras resolucións foron publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, que nos próximos días continuará oficializando as restantes, tras obter a autorización do órgano de xestión impulsado polo Goberno galego, co obxectivo de informar sobre a pertinencia da incorporación de embarcacións ao devandito censo, así como propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros.
Este órgano encargado de avaliar cada unha das solicitudes está constituído por representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari, en representación dos portadores e mestres carpinteiros), da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e da Federación Galega de Confrarías –estas dúas últimas en representación dos usuarios–, así como por un experto independente e outro de Portos de Galicia.
Trátase dunha ferramenta de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial que representa ás comunidades portadoras dos seus valores culturais, e non ten un carácter administrativo nin dependente da Xunta de Galicia.
Listaxe de embarcacións incluídas
No día de hoxe publícase no DOG as resolucións polas que se inclúen na Sección de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, do Censo de Patrimonio Cultural de Galicia das seguintes embarcacións: Canouro, Funqueira, Nordesia, Reina, Balbina, Lelia Doura, Curuxán e Xoulon. Nos vindeiros días iranse publicando as resolucións dos restantes barcos: Semparada, Falucheira, Fanequeira, A Marosa, A Oleira, Anguleiro, Madorniña, O Peixiño, Silvia Cristina, Mar de Muros, A Barola, Cormoráns de Ons, Chasula, Sara O e Casilda Un.
Rexistro voluntario
Tal e como establece o decreto de declaración BIC, para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, estes bens deben ser anotados no censo correspondente.
As solicitudes son recibidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, desde onde se remiten ao devandito órgano, encargado de informalas favorable ou desfavorablemente seguindo cuestións como a antigüidade, a autoría ou a correspondencia cos modelos tipolóxicos. Finalmente a Xunta, recollendo o parecer deste órgano, estima ou desestima a solicitude e notifícaa ás persoas interesadas.
Este rexistro conforma unha sección do Censo do Patrimonio Cultural, contén información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual, e complétase cando menos con dúas fotografías significativas da embarcación (unha en seco e outra navegando).
A anotación no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia é voluntaria e corresponde á persoa ou entidade solicitante acreditar a natureza da embarcación e a súa consideración de embarcación tradicional galega segundo os termos indicados no decreto de declaración como Ben de Interese Cultural.