Nova: O Centro Coreográfico Galego participa no programa TRC Danza

07/03/2015

O Centro Coreográfico Galego participa no programa TRC Danza

O CCG está presente como socio en actividades de difusión por toda a cidade da Coruña

A unidade de produción da Agadic acollerá ademais unha acción formativa a cargo da compañía Proyecto Titoyaya dentro do apartado Programación Expandida

  • O Centro Coreográfico Galego participa no programa TRC Danza O Centro Coreográfico Galego participa no programa TRC Danza da Coruña

A Coruña, 7 de marzo de 2015.- O Centro Coreográfico Galego (CCG) participará ao longo de todo o ano nas actividades de difusión que compoñen o proxecto ‘TRC Danza’, complementario á programación do Teatro Rosalía Castro da Coruña, composto por unha carteleira de dez espectáculos de sala e por distintas accións de divulgación desta arte cara á cidadanía.

A unidade de produción de danza adscrita á Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia deste xeito esta iniciativa, promovida por quinto ano consecutivo polo Concello da Coruña, co obxectivo de achegarlle a danza ao público xeral e a colectivos específicos, en colaboración cos artistas participantes mediante encontros especialmente deseñados con eles máis alá das actuacións desenvolvidas no escenario.

Como punto de partida do ciclo, a directora do CCG, Mercedes Suárez, interveu hoxe xunto aos organizadores na presentación dos contidos e finalidades da denominada Programación Expandida do ‘TRC Danza’ a medios de comunicación e axentes culturais da cidade, desde xestores de centros e espazos públicos e privados ata responsables de centros de ensino artístico e colectivos socioculturais.

Nómina artística en colaboración coa Agadic
Integran o ciclo de exhibición, no que tamén colabora a Agadic a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dez funcións de compañías galegas e de fóra de Galicia que se levarán a cabo dentro do programa de abono do Teatro Rosalía a partir da semana que vén e ata principios de decembro. Trátase dos espectáculos: ‘Lowland’, de Roser López Espinosa (14 de abril); ‘La Metamorfosis’, de Proyecto Titoyaya; ‘Blondy’s Coffee’, de Entremans; ‘Je te haime’, de HURyCAN (30 de abril); ‘Control’, de Javier Martín (23 de maio); ‘Episodios Temporada 25’, de 10&10 Danza (25 de setembro); ‘Todo me dice algo’, de Danza Mobile (2 de outubro); ‘Persona’, de Spin off Danza (17 de outubro); Flash!, de Dantzaz Kompainia (13 de novembro); e Sazón, de Sólodos o 4 de decembro.

Ademais, no apartado concreto de Programación Expandida, ‘TRC Danza’ propón dúas temporadas de actividades coincidindo coas datas de presenza da Coruña das compañías convidadas. Así, a primeira desenvolverase entre o 14 de marzo e o 23 de maio; e a segunda, entre o 25 de setembro e o 4 de decembro.

O Centro Coreográfico Galego participará activamente no mes de abril nunha acción formativa que se lle ofrecerá na súa sede aos estudantes de danza e que contará con Loretta D’Antuono, Paula Serrano, Verónica García, Jure Gostinar, Itxasai Mediavilla e Xavi Martí, integrantes da compañía valenciana de danza contemporánea Proyecto Titoyaya, que dirixe Gustavo Ramírez.

Comparte