Nova: A Xunta impulsa a recuperación do patrimonio cultural galego co reforzo de obras de conservación durante este verán
09/08/2022
A Xunta impulsa a recuperación do patrimonio cultural galego co reforzo de obras de conservación durante este verán
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita o mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón, onde se está acometendo unha intervención que abrangue a mellora de cuberta, fachadas e carpintería exterior
Salienta que os traballos avanzan a bo ritmo, co 50% executado e coa previsión de que estean totalmente concluídos en novembro
Anuncia que as melloras en marcha completaranse cunha nova actuación de tratamento e conservación do retablo maior, polo que o investimento total da Xunta neste ben sitúase preto dos 300.000€
— Subliña que a obra deste templo románico é un dos moitos exemplos de restauración que o Goberno galego está levando a cabo durante a tempada estival en bens de toda Galicia
Dozón (Pontevedra), 9 de agosto de 2022 A Xunta de Galicia está a aproveitar a época estival para impulsar as obras de restauración dos distintos bens patrimoniais repartidos por toda a xeografía galega e, deste xeito, poñer en valor o legado histórico que conforman monumentos como xacementos, igrexas, pontes, torres ou mosteiros.
Dentro desta aposta pola recuperación patrimonial atópase a intervención que se está levando a cabo na igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón, que hoxe visitou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, xunto aos técnicos encargados do proxecto.
As obras, segundo explicou o titular de Cultura do Goberno galego, están avanzando a bo ritmo e, de feito, “a día de hoxe xa está executado o 50% das actuacións contempladas, polo que mantemos a previsión de que estean concluídas no mes de novembro”. Román Rodríguez explicou que esta intervención en Dozón é unha das moitas de carácter patrimonial que están a recibir un forte impulso nestes meses de verán por parte do Executivo autonómico.
Acabar cos problemas de humidade
Neste caso, os traballos impulsados pola Xunta de Galicia están enfocados a poñer en valor o templo románico de San Pedro de Vilanova de Dozón, fundado no século XII como mosteiro de monxas bieitas e que no ano 1499 se converteu en igrexa dependente de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela. Román Rodríguez subliñou que estas obras permitirán, así mesmo, “resolver os problemas de humidade que afecta ao templo, especialmente ás zonas sur e norte”.
Nestes momentos están rematadas as intervencións nas fachadas (coa limpeza das pezas de cantería históricas, eliminación da vexetación, picado de xuntas, rexuntado de muros, limpeza e restauración de portadas e outros elementos pétreos escultóricos e tratamento e pintado da carpintaría de madeira) e nas cubertas (coa cubrición con tella cerámica curva existente e instalación de nova cuberta de tella curva ventilada).
Agora os traballos céntranse na pavimentación da contorna exterior con acabados pétreos e acondicionamento dos muros exteriores no adro (limpeza, rexuntado e reconstrución do muro de mampostería e colocación e pintado de cancela), así como a canalización de pluviais e drenaxes.
A estas actuacións en marcha, que contan cun orzamento de 261.360€, hai que engadir unha intervención no retablo maior, para o cal a Consellería está nestes momentos redactando o proxecto de intervención co fin de iniciar canto antes os traballos, que se desenvolverán de xeito paralelo aos actualmente en marcha.
Tal e como explicou, está previsto aplicar un tratamento de conservación do retablo maior e da fronte do altar da igrexa do mosteiro co obxecto de recuperar a súa estabilidade. O investimento estimado desta actuación, que se prevé que estea concluída entre novembro e decembro, é de 17.250€, polo que o investimento total da Xunta de Galicia neste mosteiro vai acadar os preto de 279.000€.