Nova: Román Rodríguez gaba o traballo da Fundación Manolo Paz a prol da cultura coa homenaxe á cantante Luz Casal

12/08/2022

Román Rodríguez gaba o traballo da Fundación Manolo Paz a prol da cultura coa homenaxe á cantante Luz Casal

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na VII Xornada que cada ano organiza a entidade con actividades que aglutinan arte e natureza

Cambados (Pontevedra), 12 de agosto de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta o labor da Fundación Manolo Paz, impulsada polo escultor cambadés, a prol da cultura e da arte galega en todas as súas manifestacións.

 

Así o manifestou hoxe con motivo da súa participación nas VII Xornadas da Fundación Manolo Paz, unha cita consolidada na que todos os anos por estas datas, desde o espazo creativo e expositivo do artista no lugar de Quintáns, impúlsanse actividades que aglutinan coñecemento, arte, natureza, así como a posta en valor do legado doutros creadores, como é o caso de Luz Casal, a artista homenaxeada nesta edición.

 

Román Rodríguez gabou “o entendemento” de Manolo Paz “coa cultura autóctona e coa identidade galega”, tal e como se manifesta nas súas obras escultóricas a través dos materiais empregados coma a pedra e o granito, e nos seus significados “en diálogo constante co lugar no que van habitar”.  

 

Así mesmo fixo un paralelismo co “sentimento de galeguidade universal” que representa Luz Casal a través das súas interpretacións e da súa calidade vocal que fan dela unha artista internacionalmente recoñecida. “Por iso, que sexa Luz Casal quen reciba este premio hoxe supón todo un acto de xustiza poética”, abondou.

Comparte