Nova: Augal 2015 ofrece unha sesión especial dedicada á produción galega de webseries

10/03/2015

Augal 2015 ofrece unha sesión especial dedicada á produción galega de webseries

A Master Class do Audiovisual Galego organizada pola Agadic e a Universidade de Vigo proxectará ‘Interfecto’, ‘Poetarras’ e ‘Clases de lo social’ na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira

  • Cabeceira da webserie 'Interfecto' Cabeceira da webserie 'Interfecto'

Pontevedra, 10 de marzo de 2015.- A Master Class do Audiovisual Galego Augal 2015 dedica hoxe unha sesión especial á produción galega actual de webseries, na que se inclúe a proxección das pezas ‘Interfecto’, ‘Poetarras’ e ‘Clases de lo social’ a partir das 16.00 horas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira.

A cuarta edición desta iniciativa formativa, que desenvolve a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Universidade de Vigo desde o pasado febreiro, chega ao seu ecuador con este encontro arredor dos formatos de creación audiovisual na Internet, no que participarán directores e guionistas das obras, alumnado e público xeral.

Bibi Jacob e Nerea Sarmiento, artífices de ‘Interfecto’, a webserie realizada no marco do último Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (Cemac); así como Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Villaverde, creadores de ‘Poetarras’; e Pablo Cacheda e Diana López, director e guionista, respectivamente, de ‘Clases de lo social’, realizarán mañá cadansúa presentación, seguindo coa filosofía de Augal de implicar aos profesionais galegos do audiovisual para que sexan eles mesmos quen dean a coñecer e expliquen as claves dos seus traballos.

Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, Augal 2015 consta de sete sesións, que comezaron o 3 de febreiro cunha xornada centrada no documental ‘A viaxe de Leslie’, de Marcos Nine. A esta seguiulle o 24 dese mesmo mes a dedicada a Alfonso Zarauza a través das súas obras ‘A noite que deixou de chover’ e ‘Encallados’; e a do 3 de marzo co filme de Ángel Santos ‘Las altas presiones’.

Despois da cita de hoxe, Augal retornará o 19 de marzo, día no que o documentalista brasileiro de orixe galega Felipe Pena presentará ‘Se essa vila não fosse minha’, a súa fita inédita en España sobre o outro Brasil alleo ao pasado Mundial de Fútbol.

A xornada de clausura e de entrega de diplomas será o próximo 14 de abril e correrá a cargo do actor Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual, coa conferencia-coloquio ‘O sector audiovisual en Galicia. O que somos’ dentro da nova sección Foro Augal.

Comparte