Nova: A exposición da Xunta sobre Picasso será a única mostra galega incluída na programación conmemorativa de España en 2023
12/09/2022
A exposición da Xunta sobre Picasso será a única mostra galega incluída na programación conmemorativa de España en 2023
‘Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023’ afondará na pegada galega do autor e poderá verse o vindeiro ano no Museo de Belas Artes da Coruña
Estará formada por máis dun cento de pezas en colaboración con distintos museos, institucións e coleccionistas privados
O Goberno autonómico prepara tamén actividades paralelas do eido académico, audiovisual e musical que se sumarán a esta proposta
Madrid, 12 de setembro de 2022.- A exposición que está a organizar a Xunta Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023 será a única proposta galega das 16 que se programarán en España no marco do Ano Picasso 2023. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste hoxe en Madrid aos actos institucionais da presentación de actividades conmemorativas deste aniversario que terá lugar o vindeiro ano en distintas partes de Europa e Norteamérica.
Esta efeméride é un proxecto no que España e Francia traballan desde hai meses, para o que se creou unha comisión bilateral con representantes de ambos países así como membros da familia de Picasso e expertos no pintor. A raíz das conclusións deste grupo de traballo, aprobáronse finalmente un total de 40 exposicións temporais en distintas partes do mundo, congresos académicos e outros eventos.
No caso de España están previstas 16 exposicións, entre as que se inclúe a gran mostra na que está a traballar a Xunta de Galicia en colaboración con distintos museos, institucións e coleccionistas privados. Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023 convértese así na única exposición proposta por Galicia que formará parte desta programación oficial. O Goberno autonómico leva meses traballando nesta exposición comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña, e coa participación do equipo técnico-facultativo do museo.
Encontros, conferencias e propostas audiovisuais
Poderase visitar no Museo de Belas Artes da Coruña cun cento de pezas que repasarán a pegada galega do pintor coa colaboración de distintos museos, institucións e coleccionistas privados. Recentemente acordouse coa Junta de Andalucía o préstamo da peza Instruments et musique et compotier sur une table, na que o artista malagueño retrata un gaiteiro. É propiedade da fundación belga FABA e actualmente está depositada no Museo Picasso de Málaga.
Ao redor da mostra, tamén se está a artellar un intenso programa de actividades paralelas como encontros, conferencias e charlas abertas ao público que contarán coa presenza de especialistas internacionais na obra de Picasso. Afondarase nalgúns aspectos pouco coñecidos da súa traxectoria profesional e tamén sobre a súa etapa en Galicia. Ademais, poranse en marcha ciclos audiovisuais coa proxección de filmes e documentais que permitan coñecer máis sobre o autor, así como actividades musicais e educativas, dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral que incluirán visitas guiadas e obradoiros de pintura.