Nova: A Xunta convida ao Concello da Coruña a destinar os 150.000€ para as celebracións do Ano Picasso 2023 a unha programación especial nos centros educativos
15/09/2022
A Xunta convida ao Concello da Coruña a destinar os 150.000€ para as celebracións do Ano Picasso 2023 a unha programación especial nos centros educativos
O financiamento da exposición ‘Picasso, branco no recordo azul’ está xa garantido co investido pola Consellería de Cultura en 2022 e o previsto para 2023
O Goberno autonómico xa ten en marcha o contrato para o transporte das pezas por un importe de 265.000€ e en breve licitará a montaxe por 65.000€
O Concello enviou un correo electrónico o pasado luns pola tarde no que facía este ofrecemento económico, que se valora positivamente e se propón reorientar
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022 A Xunta de Galicia convida ao Concello da Coruña á posta en marcha dunha programación especial divulgativa sobre Picasso nos centros escolares da cidade no marco do Ano Picasso 2023. Así o vén de manifestar nunha misiva remitida hoxe ao consistorio coruñés en resposta ao correo electrónico recibido o pasado luns pola tarde, pouco antes do inicio do acto institucional celebrado en Madrid. Nesa comunicación, o Consistorio herculino ofrecía 150.000 euros para sumarse á exposición da Xunta Picasso, branco no recordo azul.
Aínda que o proceder xerou certa sorpresa no Executivo autonómico, o mesmo valórase positivamente. De aí que se propoña reorientalo a outros fins para incrementar o alcance da efeméride, dado que a día de hoxe a exposición xa está financiada.
Como é sabido, a Xunta leva case dous anos preparando esta mostra, que conta con tres comisarios especialistas e a coordinación da dirección e o equipo técnico do Museo de Belas Artes da Coruña. Definiuse o proxecto, culminouse o traballo de xestión coas entidades prestadoras, avanzouse no deseño e mesmo xa se xestionou parte do traballo do futuro catálogo. No apartado orzamentario, xa está en marcha a contratación do transporte de pezas por 265.000€ e en breve sairá a licitación da montaxe por 65.000€. Polo tanto, a Xunta conta cos fondos propios necesarios, tanto no exercicio actual como na previsión para 2023, e a estas alturas non precisa achegas da administración local.
Chegar ao máximo público posible
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, remitiulle á alcaldesa unha carta o pasado 4 de abril para que o Concello coruñés se sumase activamente á celebración picassiana. A Xunta alégrase do investimento anunciado agora e, dado que a exposición xa está cuberta, valórase redirixilo ao programa de actividades paralelas, peza clave da programación para chegar ao maior número de público posible.
En concreto, considérase prioritario un plan específico dirixido aos colexios e institutos da cidade para facelos partícipes das celebracións e enfocar niso estes 150.000€.
Ampliaríase así á programación complementaria, que incluirá encontros, conferencias e charlas nas que a Xunta está a traballar e que contarán coa presenza de especialistas internacionais na obra de Picasso. Afondarase nalgúns aspectos pouco coñecidos da súa traxectoria profesional e tamén sobre a súa etapa en Galicia. Ademais, poranse en marcha ciclos audiovisuais coa proxección de filmes e documentais que permitan coñecer máis sobre o autor, así como actividades musicais, visitas guiadas e obradoiros de pintura.
Inauguración en marzo
Todo para apoiar Picasso, branco no recordo azul, mostra que será inaugurada en marzo de 2023 no Museo de Belas Artes e que vén de ser incluída como a única proposta de Galicia entre os 16 proxectos do programa oficial de exposicións que se van realizar en España.