Nova: Os museos da Xunta ofrecen máis de 50 actividades para escolares no primeiro trimestre do curso
17/09/2022
Os museos da Xunta ofrecen máis de 50 actividades para escolares no primeiro trimestre do curso
Abranguen percorridos guiados e visitas didácticas, algunhas delas teatralizadas con personaxes saídos dos cadros cos que o alumnado poderá interactuar
Tamén hai unha ampla oferta de obradoiros onde os rapaces poden traballar con pezas artísticas e mesmo construír as súas propias creacións
As actividades son gratuítas previa inscrición e adaptadas aos distintos niveles educativos
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2022 Os museos xestionados pola Xunta de Galicia veñen de iniciar a súa programación didáctica deste trimestre con máis de medio cento de actividades, entre visitas, obradoiros e teatralizacións para os escolares galegos que teñen como obxectivo divulgar as súas coleccións e exposicións de xeito ameno e participativo. Trátase de actividades gratuítas previa inscrición en cada un dos centros expositivos e están adaptadas aos distintos niveles educativos.
A información completa de toda a oferta didáctica está dispoñible nas páxinas web de cada un dos centros museísticos e irase actualizando a medida que se vaian incorporando novas iniciativas de cara á totalidade do curso escolar. Os colexios interesados deberán poñerse en contacto con cada centro para tramitar as reservas.
En Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago inclúe un programa de visitas comentadas que mesturan un percorrido guiado polo museo coa tradición dos contacontos. O CGAC ofrece unha programación de visitas guiadas ás exposicións temporais para estimular o interese pola creación artística contemporánea e deséñanse obradoiros didácticos específicos para complementar a visita ás mostras. Engádense, ademais, as sesións didácticas en liña para Educación Primaria Descubrindo a arte contemporánea e para Secundaria e Bacharelato Un achegamento á arte contemporánea: o CGAC e a súa colección.
A Cidade da Cultura de Galicia tamén vén de actualizar a súa oferta didáctica cun completo programa de visitas presenciais e cinco quendas horarias a elixir. As tres grandes mostras do Museo Centro Gaiás deste outono protagonizan a oferta para os centros educativos. Ademais, inclúense percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a natureza do Gaiás dispoñible durante todo o curso escolar.
Museo Pedagóxico de Galicia
As propostas do Museo Pedagóxico de Galicia conta con opcións diferenciadas para Educación Infantil, con visita que pode ser guiada ou libre e combinada con obradoiros no que os alumnos construirán o seu propio xoguete a partir de elementos naturais. No caso de Educación Primaria, ademais de visita guiada ou libre, tamén se programa a ruta didáctica Os segredos do encerado, unha actividade na que o alumnado visita o museo de forma autónoma traballando e resolvendo en pequenos grupos as propostas dos cadernos didácticos que se lles entregan ao comezo da visita. Para os estudantes de Educación Secundaria a ruta didáctica é Viaxeiros no tempo, para descubrir os cambios nas escolas nos últimos anos.
Retómanse as visitas guiadas e dinamizadas adaptadas a cada ciclo educativo tamén na Casa Museo Camilo José Cela, que se combinan con obradoiros e este ano, co gallo do 150 aniversario da chegada do tren, promoveranse tamén o uso deste transporte polos escolares.
Teatralizacións e aulas didácticas
Na Coruña, o Museo de Belas Artes ofrece propostas de xeito adaptado para todas as idades, algunhas delas teatralizadas con personaxes saídos dos cadros cos que interactuarán e descubrirán como se fixeron algunhas obras da colección. O programa educativo comezará en outubro de martes a venres. A través de obras da colección permanente ou das mostras temporais, se traballarán aspectos como a expresión artística, a xestión das emocións, a natureza e a sustentabilidade ou igualdade de xénero.
No Museo do Castro de Viladonga, desde setembro ten programadas actividades previa solicitude, que inclúen visitas guiadas polo castro e museo que se completan con cadernos de traballo diferentes para cada ciclo.
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ofrece visitas guiadas e obradoiros dirixidos a escolares aos fondos e exposición temporal mentres que o Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Museo do Viño de Galicia tamén abren as súas portas aos centros escolares con visitas especiais se o centro educativo o solicita. Pola súa banda, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica desenvolverá o programa Galaic@s, a forxa dun pobo da idade de ferro, adaptado a cada curso escolar, que inclúe diferentes actividades como visitas comentadas ao centro de interpretación así como obradoiros nas aulas didácticas con variedades de temáticas sobre a idade de ferro a coordinar co centro educativo)
Arqueoloxía subacuática
Tesouros da ría, Viaxe á prehistoria, Son peixes?, Á beira do mar, Sardiñas... Adxudicadas! Salvemos a ría, O tesouro perdido son algunhas da quincena de propostas didácticas diferentes que ofrece o Museo do Mar de Galicia en Vigo. Trátase de obradoiros que permitirán, entre outros aspectos, experimentar a importancia da conservación dos recursos mariños, descubrir o papel do mar no intercambio cultural e mercantil ou espertar o interese polo patrimonio arqueolóxico. Neste sentido, tamén se inclúen actividades no Centro Arqueolóxico do Areal, Salinae, adaptadas aos ciclos educativos.
O Museo Massó, en Bueu, inclúe un programa de visita guiadas á exposición permanente e as temporais, así como percorridos tematizados para coñecer, entre outros aspectos o papel das mulleres no mar así como Salgadura de Mourisca en Cabo Udra, xa que o museo pon a disposición dos centros de ensino un monitor para visitar a antiga fábrica de salgadura da praia de Mourisca como actividade complementaria á realización dunha visita guiada monográfica ou un obradoiro didáctico no museo sobre a explotación comercial e industrial da sal ao longo da historia. Ofrécese tamén un amplo programa de obradoiros para todas as idades sobre os ecosistemas das Rías Baixas, a arqueoloxías subacuática ou o recoñecemento de diferentes especies mariñas, entre outras.
Finalmente, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro ofrece visitas interpretativas, e unha decena de obradoiros didácticos e exhibicións de arqueoloxía experimental adaptados ás necesidades de cada ciclo educativo.