Nova: Exposición no Gaiás sobre a orixe da peregrinación no Camiño

11/03/2015

Exposición no Gaiás sobre a orixe da peregrinación no Camiño

'Camiño. A orixe' inaugúrase o venres 13 e conta con pezas de mestres como Durero o Murillo

  • Camiño. A orixe Camiño. A orixe

Santiago, 11 de marzo de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o banco SabadellGallego veñen de establecer un acordo de colaboración con motivo da exposición ‘Camiño. A orixe’ que abrirá ao público o vindeiro venres na Cidade da Cultura. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e mailo director xeral de SabadellGallego, Pablo Junceda, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para tal fin, nun acto ao que tamén asistiu a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.

Segundo este acordo, SabadellGallego efectuará unha doazón de 30.000 euros para a organización desta mostra que ten como finalidade divulgar o fenómeno xacobeo. Pola súa banda, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, comprométese a difundir a participación da entidade en todas as actividades que se leven a cabo no marco desta exposición.

A aportación do SabadellGallego, xunto as do resto de empresas patrocinadoras e colaboradoras, que se irán dando a coñecer nos próximos días, permitirán sufragar integramente a exposición 'Camiño: a orixe'.

PEZAS DE DURERO, MURILLO...
A mostra inaugurarase o vindeiro venres, día 13 de marzo, e permanecerá aberta ao público ata setembro deste ano no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura. Dun xeito didáctico, ‘Camiño. A orixe’ trata de explicar a orixe da ruta xacobea e o desenvolvemento dos camiños a Santiago desde a Idade Media ata a actualidade. Nela tamén se fai unha análise da figura de Santiago como apóstolo, da cidade de Santiago como meta e berce do culto xacobeo e da figura do peregrino como verdadeiro protagonista do Camiño.

A exposición reúne obras de grandes mestres da historia da arte, como Alberto Durero ou Bartolomé Estebán Murillo, así como xoias do patrimonio histórico, como o Gallardete de Lepanto, a bandeira que ondeaba no mastil da nao que capitaneaba as naves cristiás na famosa batalla de Lepanto, ou unha armadura de Carlos V.
 

Comparte