Nova: Novas programacións nos cineclubes galegos
12/03/2015
Novas programacións nos cineclubes galegos
Póñense en marcha un programa de ciclos e semanas de cine para 2015 nunha ducia de entidades asociadas
Santiago, 12 de marzo de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) subscribiron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento en 2015 dun programa de ciclos e semanas de cine nunha ducia de localidades das catro provincias. O obxectivo é contribuír ao mantemento dunha programación estable e de calidade nos cineclubes galegos, impulsando deste xeito o seu labor de difusión e de creación de públicos para o cinema, con especial énfase na produción galega.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Feciga, Manuel Precedo, asinaron hoxe este acordo, mediante o que a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe con 24.000 euros ao financiamento desta iniciativa, que se presenta como alternativa á exhibición cinematográfica dos circuítos comerciais. Trátase, dunha banda, de lle facilitar ao maior número posible de espectadores a posibilidade de ver cinema en pantalla grande e, doutra, de lles achegar propostas de calidade, de produción independente e de claro contido cultural.
Con esta dobre finalidade, a programación da Federación de Cineclubes de Galicia para 2015 articúlase arredor de ciclos e de semanas de cine. Organizados pola Feciga arredor dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos é seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto, mentres que no caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubes que, xunto coas proxeccións dos filmes, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións.
A Feciga, que agrupa a práctica totalidade dos cineclubes existentes en Galicia, botou a andar en 1984 e, desde entón, vén funcionando como xestora destas asociacións, ao tempo que presta servizos de asesoramento e organiza proxectos de difusión cinematográfica con diferentes entidades públicas e privadas. Este labor de promoción é especialmente destacado no caso do cinema galego, que se exhibe tamén en Portugal en colaboración coa Federación Portuguesa de Cineclubes.