Nova: Dinamización do libro e da lectura cos Premios Irmandade do Libro

12/03/2015

Dinamización do libro e da lectura cos Premios Irmandade do Libro

A Federación de Librarías de Galicia entrega os galardóns da vixésimo cuarta edición na Cidade da Cultura

Os premios, que contan co apoio da Consellería de Cultura e Educación, distinguen a escritora Yolanda Castaño na categoría de autor/a
 

  • O Gaiás acolle a entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro O Gaiás acolle a entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro
  • XXIV Premios Irmandade do Libro XXIV Premios Irmandade do Libro
  • XXIV Premios Irmandade do Libro XXIV Premios Irmandade do Libro

Santiago, 12 de marzo de 2015.- A Cidade da Cultura acollerá o próximo sábado 14 de marzo, ás 18 horas, o acto de entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro, uns galardóns promovidos pola Federación de Librarías de Galicia, co apoio da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Santiago de Compostela, para distinguir e homenaxear as persoas, institucións e colectivos sociais que cada ano desenvolven un traballo de creación, promoción, divulgación e dinamización do libro e da lectura, especialmente en lingua galega.

“Un ano máis, estes galardóns recoñecen a excelencia no traballo realizado a prol do libro e da lectura”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da nova edición dos premios, que distinguen a escritora Yolanda Castaño na categoría de autor/a pola súa “complicidade coa Federación de Librarías de Galicia, así como pola súa traxectoria e contribución ás letras galegas”, segundo explicou a presidenta desta entidade, Pilar Rodríguez.

Festa colectiva do libro e da lectura
Os gañadores e gañadoras nas modalidades de centro de ensino, de libro do ano, de libro infantil e xuvenil, de obra editorial, de fomento da lectura, de libraría e de honra daranse a coñecer o 14 de marzo no Gaiás, “que abrirá as súas portas para acoller esta festa colectiva do libro e da cultura, coa participación de representantes da sociedade galega implicada no traballo de promoción e desenvolvemento do sector editorial en particular e da nosa cultura en xeral”, anunciou Anxo Lorenzo.

Aos gañadores nas distintas modalidades entregaráselles un diploma acreditativo e unha figura exclusiva realizada en bronce. No caso da modalidade de centro de ensino, ao premiado tamén se lle concederá un bono para libros por valor de 1.500 euros, válido para calquera libraría asociada á Federación de Librarías de Galicia.

Na rolda de prensa, celebrada no Pazo de Raxoi, tamén participaron a concelleira de Cultura de Santiago de Compostela, María Antón, e o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Antón Pedreira.

Xunto cos Premios Irmandade do Libro, a Xunta de Galicia vén colaborando coa Federación de Librarías en diversas iniciativas para promover o comercio do libro e poñer en valor a produción editorial galega. Entre elas destaca o programa Venres nas librarías, posto en marcha en 2014 xunto coa Asociación Galega de Editores e a Dirección Xeral de Comercio para dar a coñecer as novidades editoriais no espazo das librarías da man dos seus autores e autoras; e as Feiras do Libro de Galicia, unha cita anual en concellos de toda Galicia que constitúe un punto de encontro de referencia entres lectores, editoriais e libreiros.
 

Comparte