Nova: Entrega no Gaiás dos XXIV Premios da Irmandade do Libro

14/03/2015

Entrega no Gaiás dos XXIV Premios da Irmandade do Libro

A poetisa Yolanda Castaño e o editor Quique Alvarellos, entre os galardoados

A Federación de Librarías de Galicia rende homenaxe aos que traballan para que o libro e a lectura teñan un presente activo e un futuro determinante para a sociedade galega

  • Entrega no Gaiás dos XXIV Premios da Irmandade do Libro Entrega no Gaiás dos XXIV Premios da Irmandade do Libro
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez participou no acto de entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez participou no acto de entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez participou no acto de entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez participou no acto de entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro

Santiago, 14 de marzo de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe o papel crucial das librerías galegas como “pezas fundamentais da nosa cultura.” Fíxoo durante o acto de entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro, convocados pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Consellería co obxectivo de render homenaxe aos que durante o ano 2014 destacaron no seu traballo para que o libro e a lectura segan a ter un presente activo e un futuro determinante para a sociedade galega.

Ao longo da súa intervención Román Rodríguez sinalou o éxito duns galardóns que levan case 25 anos de traxectoria ininterrompida e fixo fincapé no feito de que ofrecen unha imaxe actualizada do mundo editorial, que evoluciona e gaña posibilidades. Así mesmo o conselleiro subliñou a necesidade de avanzar consonte aos tempos. “Sentímonos no compromiso -explicou o titular de Cultura− de buscar xuntos novas perspectivas. De que a vosa capacidade profesional siga dándolle un apoio valioso ao desenvolvemento intelectual e creativo de Galicia.”

No acto, celebrado na Sala Eisenmann da Cidade da Cultura de Galicia, participaron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez.

Os XXIV Premios da Irmandade do Libro concedéronse en 7 modalidades diferentes. Na de Librarías resultou gañadora O Pontillón (Moaña), mentres que na de Centros de Ensino foi premiado o IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa). O galardón ao Fomento da Lectura foi para o programa de televisión ‘Libro sen reservas’, de Quique Alvarellos; e o de Autora para Yolanda Castaño. Finalmente, as obras ‘Contos do Mar de Irlanda’ (Xurxo Souto. Edicións Xerais de Galicia), ‘Xiquixoque, fiú, fiú’ (Uxía. Editorial Galaxia) e ‘Colección Urco Gótica’ (Urco Editora), fixéronse cos premios nas categorías de Libro do Ano, Libro Infantil e Xuvenil do Ano e Obra Editorial, respectivamente. Ademais concedeuse un premio de honra, que recaeu la libraría La Región.

O apoio a estes premios enmárcase nas accións impulsadas pola Consellería para o fortalecemento do sector do libro e o fomento da lectura, e súmase á colaboración que o departamento de Cultura da Xunta de Galicia mantén coa organización libreira para a organización do calendario das Feiras do Libro de Galicia, que se presentará este luns 16 en Santiago de Compostela.

Comparte