Nova: Homenaxe colectiva a Carlos Maside en Santiago

16/03/2015

Homenaxe colectiva a Carlos Maside en Santiago

A casa on de viviu na capital de Galicia conta cunha placa conmemorativa

  • Autorretrato de Carls Maside

Santiago, 16 de marzo de 2015.- A Xunta de Galicia sumouse hoxe ao acto de homenaxe a Carlos Maside promovido polo Concello de Santiago de Compostela no día no que se cumpren 118 anos do nacemento do artista. No acto de descuberta da placa conmemorativa na casa onde viviu o pintor, no número 42 da rúa do Vilar, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor a influencia de Carlos Maside na renovación artística e cultural de Galicia e destacou a súa obra como un valioso legado etnográfico do século pasado.

Este acto de homenaxe colectiva, no que participaron o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e Xulio Maside, sobriño do artista, entre outras autoridades, “contribúe a perpetuar a súa memoria artística e vital”, afirmou.

Ademais de recordar a destacada presenza da capital de Galicia na obra de Maside, Anxo Lorenzo fixo referencia á intensa actividade cultural levada a cabo polo pintor na cidade compostelá. Da súa relación con diversos intelectuais da época dan conta as cartas inéditas manuscritas que atesoura a familia e que o Consorcio de Santiago sacará á luz en 2015.

Comparte