Nova: A Xunta e Editorial Xerais presentan ‘María Casares fronte ao espello’, de Sabela Hermida, unha retrospectiva do legado da artista no seu centenario
05/10/2022
A Xunta e Editorial Xerais presentan ‘María Casares fronte ao espello’, de Sabela Hermida, unha retrospectiva do legado da artista no seu centenario
O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Cultura gaban a calidade da publicación na que se aborda dun xeito completo a complexa personalidade da actriz
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022.- A Xunta de Galicia e a Editorial Xerais presentaron hoxe a obra María Casares fronte ao espello, de Sabela Hermida, co gallo do centenario do nacemento da actriz coruñesa que se conmemora este ano. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron no acto para dar a coñecer o contido desta obra, canda a autora e o director da Editorial Xerais, Fran Alonso.
Os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coincidiron en destacar a calidade da obra de Sabela Hermida, na que se aborda dun xeito moi completo a figura dunha personalidade tan complexa como é María Casares. Como indicaron, María Casares fronte ao espello está concibida como unha retrospectiva da biografía, da evolución artística, do legado filosófico e da concepción da arte dramática da actriz, influenciada en gran medida pola corrente existencialista francesa da que se nutre no exilio. Pon en valor a súa pegada no teatro do século XX, especialmente no do exilio, xa que se converteu nun referente para as vangardas da época.
É obra de Sabela Hermida, actriz e bailarina licenciada en Filosofía pola Universidade de Granada e Doutora en Artes Escénicas: Teatro, Música e Danza pola Universidade Rey Juan Carlos coa tese O desenvolvemento artístico de María Casares dentro do marco existencialista francés. Experta na vida e obra de María Casares, no ámbito da investigación conta con publicacións sobre arte e sobre feminismo e culmina eses anos de investigación coa publicación deste seu primeiro libro.
Na Coruña
Tras o acto en Santiago, o secretario xeral de Política Lingüística, participa esta tarde na presentación desta publicación na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña xunto ao escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, a filósofa e profesora Ascensión Cambrón e Fran Alonso, director da Editorial Xerais.