Nova: A Xunta contribúe á programación coa que Teatro del Andamio celebra os seus 20 anos de traxectoria como sala e compañía

06/10/2022

A Xunta contribúe á programación coa que Teatro del Andamio celebra os seus 20 anos de traxectoria como sala e compañía

O espazo coruñés vén contando co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o desenvolvemento da súa carteleira de teatro familiar dentro da Rede Galega de Salas

A Coruña, 6 de outubro de 2022 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na Coruña no acto no que Teatro del Andamio presentou a programación coa que celebra os seus 20 anos de historia como compañía e  sala de exhibición. En ambos casos, vén contando desde hai anos co apoio económico da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do seu labor a prol da difusión das artes escénicas, especialmente entre o público máis novo, ao que se suma a súa actividade como escola teatral.  

 

Sutil acompañou á directora de Teatro del Andamio, Tatiana Likhacheva, e ao resto do equipo neste evento, ao que asistiron tamén representantes do Concello da Coruña e da asociación Escena Galega. Nel referiuse á traxectoria deste espazo como parte da Rede Galega de Salas, circuíto que o Goberno galego puxo en marcha hai preto de 15 anos e no marco da que vén ofrecendo unha media de 50 funcións anuais, cifra que supón arredor da metade da súa carteleira total, subvencionadas mediante a liña específica para o funcionamento e a programación destas salas de xestión privada.

 

O responsable de Industrias Culturais da Xunta tivo unhas palabras de lembranza para Álvaro Guevara, fundador deste proxecto xunto a Tatiana Likhacheva e falecido en 2014. O seu testemuño foi recollido con gran responsabilidade polo equipo actual, para continuar co seu traballo e “amosarse hoxe en día coa satisfacción de acadar un labor ben feito, asentado plenamente na cidade e incluso con difusión fóra dela”, sinalou.

 
Creación de públicos para as artes escénicas

Incidiu tamén nos obxectivos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades comparte cos espazos da Rede Galega de Salas no sentido de “impulsar e incentivar a distribución de espectáculos producidos en Galicia, incrementar a afección e a fidelización de públicos para as artes escénicas e contribuír á dinamización cultural das súas contornas”.

 

Con estes fins traballa a sala coruñesa desde hai vinte anos, aniversario que celebrará neste último trimestre cunha nova programación de teatro familiar, unha exposición fotográfica no Fórum Metropolitano, un encontro e coloquio co alumnado e os ex-alumnos da súa escola teatral ou a proxección do documental sobre a súa historia, entre outras accións.

 

Na actualidade, Teatro del Andamio funciona como centro cultural integral composto pola escola, a sala e a compañía profesional de teatro, mantendo a súa aposta por lle ofrecer á cidadanía unha programación cultural estable, cunhas 100 funcións anuais, ás que se suman as actuacións da formación teatral fóra da súa sede. Ao tempo, a súa actividade formativa esténdese a 12 grupos que suman uns 200 estudantes a partir dos 5 anos de idade.

Comparte