Nova: Rodaxe en Galicia de ‘Toro’, con Tosar e Mario Casas

17/03/2015

Rodaxe en Galicia de ‘Toro’, con Tosar e Mario Casas

A compostelá Zircozine é unha das coprodutoras da nova película de Kike Maíllo, que conta cunha ampla nómina de profesionais galegos no seu equipo

Este é un dos 13 proxectos beneficiarios en 2014 das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para producións e coproducións audiovisuais

A longametraxe está a rodarse en distintas localizacións da cidade olívica, así como de Cerceda, Pontevedra e Ourense

  • Cartel do filme 'Toro', protagonizada por Tosar e Mario Casas Cartel do filme 'Toro', protagonizada por Tosar e Mario Casas
  • O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, visitou esta tarde en Vigo a rodaxe do filme ‘Toro’ O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, visitou esta tarde en Vigo a rodaxe do filme ‘Toro’
  • O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, visitou esta tarde en Vigo a rodaxe do filme ‘Toro’ O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, visitou esta tarde en Vigo a rodaxe do filme ‘Toro’

Vigo, 17 de marzo de 2015.- O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, visitou esta tarde en Vigo a rodaxe do filme ‘Toro’, coproducido pola compañía compostelá Zircozine e subvencionado pola Xunta de Galicia cunha achega de 240.000 euros. O novo título do realizador Kike Maíllo, protagonizado polos galegos Luis Tosar e Mario Casas, é un dos 13 proxectos beneficiarios en 2014 da convocatoria de axudas da Agadic á produción e coprodución audiovisual.

O peirao de reparacións de Bouzas acolleu esta tarde a sesión de traballo do equipo da longametraxe, que tras iniciar a súa gravación a finais de xaneiro en Andalucía, se desprazou a Galicia para rodar durante tres semanas en diferentes localizacións de Vigo, Pontevedra, Ourense e Cerceda. Gran parte deste equipo está integrado por recoñecidos profesionais galegos, entre os que –ademais de Tosar e Casas– se atopan Raquel Fidalgo en maquillaxe e perruquería, David Machado en son ou Jorge Bolado en vestiario.

Thriller de acción
O realizador catalán Kike Maíllo, gañador en 2011 do premio Goya á mellor dirección novel por ‘Eva’, a súa anterior película, reúne por vez primeira no cinema a Luis Tosar e Mario Casas como integrantes dun reparto do que tamén forman parte José Sacristán e Ingrid García Jonsson, candidata á mellor actriz revelación na pasada edición dos Goya. Os guionistas Rafael Cobos (‘La isla mínima’) e Fernando Navarro (‘Anacleto, agente secreto’) asinan este thriller de acción que transcorre durante 48 frenéticas horas. Nel, a parella de actores galegos interpreta dous irmáns que se reencontran despois de cinco anos e que se ven inmersos nunha serie de sucesos provocados por vellas feridas aínda sen cicatrizar.

Zircozine, que coproduce a súa nova longametraxe xunto a Apaches Enterteinmet, Atresmedia Cine, Escándalo Films, Maestranza Films, Ran Entertainment e Telefónica, conta tamén coa colaboración de Televisión de Galicia e Canal Sur.

Comparte