Nova: A Xunta impulsa a internacionalización da literatura galega coa participación de máis dunha decena de editoriais na Feira do libro de Frankfurt
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
18/10/2022
A Xunta impulsa a internacionalización da literatura galega coa participación de máis dunha decena de editoriais na Feira do libro de Frankfurt
A partir de mañá e ata o 23 de outubro, o espazo institucional permitirá a realización de reunións profesionais con axentes procedentes de diversos países do mundo
Promoverase o traballo de editores, tradutores e ilustradores galegos e divulgaranse as últimas novidades editoriais para o público
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia reforza as actividades de internacionalización do libro galego coa participación nas principais feiras de Europa e América. Así, a partir de mañá a literatura galega estará presente na Feira Internacional do Libro de Frankfurt que se celebra nesta cidade alemá ata o 23 de outubro. Trátase dun encontro profesional de referencia no que este ano participan 13 editoriais galegas e na que España é a convidada de honra, baixo o lema Creatividade desbordante.
En México en novembro
A presenza de Galicia en Frankfurt enmárcase na estratexia de internacionalización do libro e a literatura galega da Xunta que inclúe, entre as súas accións, a participación activa nas feiras nacionais e internacionais do sector editorial. Na programación deste ano tamén está prevista a participación na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (Mexico), do 26 de novembro ao 4 de decembro, que se suma ao apoio da presenza galega que o Goberno galego realizou nas feiras de Boloña (21 a 24 de marzo), Bos Aires (26 de abril a 16 de maio) e Liber de Barcelona (5 a 7 de outubro).
O compromiso da Xunta co sector do libro tamén se artella a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais ou tradución, que superan os 2M€.