Nova: Román Rodríguez agradece a vontade didáctica da escritora Charo Golmar á hora de achegar a poesía aos máis novos

25/10/2022

Román Rodríguez agradece a vontade didáctica da escritora Charo Golmar á hora de achegar a poesía aos máis novos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na presentación do novo poemario da autora No bico do vento, editado por Bolanda Edicións

 Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, agradeceu hoxe á escritora Charo Golmar a súa “vontade didáctica” á hora de achegar a poesía aos máis novos a través da súa produción literaria. Así o manifestou durante a presentación do seu novo poemario, No bico do vento, co que a Xunta colabora para que chegue aos centros educativos.

 

O titular de Cultura da Xunta puxo de manifesto as “novas posibilidades expresivas” que contén esta nova publicación para os nenos e nenas que gocen dela ao conseguir que “se decaten da poesía cotiá que os rodea”.

 

No bico do vento é un canto a temas universais que calquera lector pode comprender, pero aos que Charo Golmar lles dá unha perspectiva máis rica e máis creativa, explicados para os máis cativos, que perciben os valores das orixes, das raíces, do fogar e mesmo da infancia”, engadiu.

 

Román Rodríguez amosou a súa satisfacción por que a Xunta poida colaborar para que a obra de Charo Golmar chegue aos centros educativos “e de que o faga como unha iniciación no mundo da poesía, e particularmente da poesía galega, para lectores de toda Galicia”. Agradeceu tamén a contribución da editorial Bolanda así como a ilustradora Olaya Naveira, autora das imaxes que acompañan os poemas.

Comparte