Nova: A Xunta impulsará actuacións de recuperación e conservación das estruturas de madeira do patrimonio galego

31/10/2022

A Xunta impulsará actuacións de recuperación e conservación das estruturas de madeira do patrimonio galego

O obxectivo do acordo é establecer un marco de colaboración que favoreza traballos conxuntos de restauración, empregando as técnicas máis axeitadas e potenciando -ao tempo- a investigación e especialización profesional no ámbito da rehabilitación

A vixencia está fixada nos próximos catro anos, prorrogables por outros catro máis
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o do Medio Rural, José González, veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar actuacións de recuperación e conservación das estruturas de madeira do patrimonio galego. Artellado a través da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ten como obxecto establecer un marco de cooperación que favoreza a realización de traballos conxuntos de restauración, empregando para este fin as técnicas máis axeitadas e potenciando -ao mesmo tempo- aquelas actividades que promovan a investigación e especialización profesional no ámbito da rehabilitación.

 

En concreto, o acordo persegue os obxectivos estratéxicos de promover a colaboración en materia de investigación aplicada á conservación do patrimonio cultural en madeira en Galicia, de cooperar en materia de transferencia de coñecemento mediante o asesoramento mutuo e o desenvolvemento de mecanismos comúns para a valorización de resultados e o de deseñar actuacións conxuntas dedicadas a promover o uso e o desenvolvemento de técnicas de intervención en estruturas de madeira existentes no patrimonio cultural galego, entre outros que se poidan ir definindo.

 

Canto aos obxectivos específicos, a XERA -a través do CIS Madeira- prestará asesoramento técnico á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en aspectos relacionados coa diagnose do estado de conservación de elementos estruturais de madeira, coas propostas sobre técnicas de intervención e reforzo de elementos estruturais, cos requisitos das partidas de madeira empregadas nas intervencións e acompañamento durante a execución en obra e coa información técnica. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aportará información técnica relativa a tipoloxías estruturais e especies de madeira existentes no patrimonio intervido, así como ás técnicas de intervención e reforzo empregadas máis habitualmente.

 

No marco do convenio de colaboración, contémplanse estudos conxuntos sobre aspectos relacionados con elementos de madeira no patrimonio existente. Así mesmo, o coñecemento xerado e as actuacións realizadas prevén difundirse a través de xornadas técnicas, cursos ou talleres formativos sobre diagnose e rehabilitación de estruturas antigas en madeira; publicacións en congresos e revistas especializadas; fichas técnicas das intervencións; así como mediante contidos audiovisuais e publicados na internet ou redes sociais. 

 

A vixencia do acordo asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a do Medio Rural fíxase para os catro anos seguintes á sinatura, contemplando que se pode prorrogar por outros catro exercicios máis.

Comparte