Nova: Ponte...nas Ondas! Supera o último trámite previo para poder entrar no Rexistro de Boas Prácticas da Unesco
01/11/2022
Ponte...nas Ondas! Supera o último trámite previo para poder entrar no Rexistro de Boas Prácticas da Unesco
A candidatura de Galicia e Portugal obtén informe de inscrición favorable, o paso anterior á decisión final do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial que se celebrará en Rabat a finais deste mes
Resalta “a combinación de radio, educación e patrimonio cultural” nas escolas a ambos lados da fronteira para que a mocidade se implique nas súas tradicións
Os examinadores consideran que este modelo sería exportable, especialmente a países en desenvolvemento, pois “fomenta a paz e o entendemento intercultural”
Sería a primeira distinción nesta materia para Galicia, a quen os avaliadores felicitan polo expediente, “un arquivo ben preparado que destaca a participación”
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022
Ponte... nas Ondas!, a candidatura conxunta da Galicia e Portugal que aspira a entrar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco, vén de superar o último trámite necesario previo á súa inscrición. O órgano de avaliación acaba de emitir informe favorable, polo que recomenda que a proposta sexa inscrita, algo que se decidirá no 17 Comité Intergubernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro.
En total, catro candidaturas de todo o mundo aspiran a obter este recoñecemento. Para Galicia sería a primeira distinción nesta materia. No informe, que xa está a ser analizado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, os examinadores felicitan aos responsables “por un arquivo ben preparado que destaca a participación”. O propio conselleiro Román Rodríguez participou hai uns días nun acto en Santiago onde transmitiu o seu apoio á candidatura, presentada en marzo de 2021 coa mediación da Xunta.
Ponte... nas Ondas (PNO!) naceu hai máis de 25 anos nas escolas de Salvaterra de Miño e Monção e desde entón non deixou de medrar. Co impulso da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, o seu obxectivo “é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas”, indica o informe.
Cultura no sistema educativo
Este modelo de ensinanza bota man das tecnoloxías da información e as comunicacións, nomeadamente da radio, na súa aplicación. Precisamente, en opinión dos examinadores da Unesco, “a combinación de radio, educación e patrimonio cultural é unha fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos lados da fronteira galego-portuguesa.
Isto, afirman ,“permitiu que os mozos se impliquen nas súas propias tradicións” e “crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial”. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.
“A integración da cultura intanxible no sistema educativo é outro resultado efectivo e factible do proxecto”, conclúe o informe, no que se subliñan os esforzos por un “desenvolvemento social inclusivo, o diálogo intercultural e a igualdade de xénero”.
Así mesmo, consideran que Ponte... nas Ondas! “fomentaría a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países”, especialmente en comunidades transfronteirizas en países en desenvolvemento. Por iso, opina que o modelo é exportable a nivel internacional.