Nova: O Arquivo do Reino de Galicia amosa o desenvolvemento das infraestruturas aeroportuarias na comunidade
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
03/11/2022
O Arquivo do Reino de Galicia amosa o desenvolvemento das infraestruturas aeroportuarias na comunidade
A mostra ‘Voar dende Galicia’ recolle documentos varios arredor do nacemento dos tres aeroportos galegos e dos pequenos aeródromos
A Coruña, 3 de novembro de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, inauguraron hoxe a exposición Voar dende Galicia. O desenvolvemento das infraestruturas aeroportuarias en Galicia que pode visitarse ata vindeiro 16 de decembro no Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña. Composta por preto de 140 documentos, a mostra abrangue parte do fondo documental de Francisco Iglesias Brage custodiado neste centro, e que conta tamén con reproducións dalgúns documentos pertencentes ao Arquivo municipal da Coruña e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, así como con préstamos de particulares.
Francisco Iglesias Brage (1900-1973) foi piloto de aviación, militar e enxeñeiro. No marco da súa vida profesional, non só asistiu aos grandes acontecementos que acaeceron ao longo do século XX, senón que formou parte de moitos deles. Non en balde, desempeñou varios postos na Administración e foi xefe de División de Material e subdirector da Compañía Iberia de Líneas Aéreas e presidente de Talleres Aeronáuticos de Barajas SA.