Nova: A Xunta conmemora o aniversario do nacemento de Neira Vilas co documental ‘Os Camiños do neno labrego’
03/11/2022
A Xunta conmemora o aniversario do nacemento de Neira Vilas co documental ‘Os Camiños do neno labrego’
O proxecto xurdido por iniciativa da Fundación Xosé Neira Vilas foi realizado pola produtora Noveolas ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22 e amosa un roteiro cultural por Gres, aldea natal do autor
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asiste esta tarde na fundación á celebración do Día do Lector coincidindo coa data de nacemento do escritor
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022
A Xunta de Galicia conmemora o aniversario do nacemento do escritor e poeta Xosé Neira Vilas co documental Os Camiños do neno labrego, unha peza audiovisual dirixida e producida por Simone Saibene, xurdida por iniciativa da Fundación Xosé Neira Vilas e que foi realizada pola produtora Noveolas Producciones ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais 21-22.
Ao respecto deste proxecto, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expresou a súa satisfacción por colaborar “unha vez máis coa Fundación Neira Vilas, que mantén vivo o legado dun dos autores máis importantes da literatura galega contemporánea, aquel que achegou á lectura na nosa lingua a varias xeracións de galegos cando aínda o idioma en que se escribiron as Memorias dun neno labrego non se aprendía na escola”, afirmou.
Os camiños do neno labrego é un documental divulgativo que dá a coñecer un roteiro en Gres-Vila de Cruces, aldea natal do creador de Balbino. A proposta, que naceu para conmemorar o 60 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego (1961), xira arredor desta obra e ofrécelle ao espectador un roteiro cultural no que se retratan lugares singulares como as Insuas de Gres, Ponte Ledesma, a Casa da Capela, a igrexa de Santiago de Gres, a Casa do Romano, o Pazo de Calderón ou o serradoiro de Castromouro.
O vídeo pode visualizarse no Portal da Lingua Galega e na súa canle de Youtube .
Día do Lector
No marco dos actos en lembranza ao autor de Vila de Cruces, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asiste esta tarde á celebración do Día do Lector na Fundación Xosé Neira Vilas, unha efeméride que se conmemora cada 3 de novembro coincidindo coa data de nacemento do escritor e que se inclúe no calendario do libro e da lectura de Galicia.
O acto de Gres inclúe a inauguración da exposición das ilustracións que Belén Rodríguez Pazo realizou para a recente edición do libro O cabaliño de buxo, reeditado por Galaxia co apoio da Xunta de Galicia; unha lectura continuada de fragmentos da obra de Neira Vilas e, por último, a entrega do VII Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta a Álvaro Domínguez pola súa obra Cristais rotos.