Nova: Román Rodríguez anuncia a creación dunha rede de dinamización de centros culturais no rural
04/11/2022
Román Rodríguez anuncia a creación dunha rede de dinamización de centros culturais no rural
O responsable autonómico de Cultura pon en valor a importancia destas entidades para o impulso do sector e a salvagarda do patrimonio literario, artístico e etnográfico na inauguración da exposición ‘Unha pincelada a Paco’ co alcalde de Lalín
A mostra do Museo Ramón María Aller recolle as obras da XV Xuntanza-Obradoiro Internacional das Artes Plásticas da Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño
A iniciativa rende homenaxe ao artista Paco Lareo, falecido hai dez anos, e poderá verse ata o 25 de novembro
Lalín (Pontevedra), 4 de novembro de 2022
A Xunta de Galicia porá en marcha unha rede de dinamización de centros culturais localizados nas zonas rurais. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a inauguración da mostra Unha pincelada a Paco no Museo Ramón María Aller na que tamén participou o alcalde, José Crespo.
Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura durante a súa intervención, esta nova rede funcionará como unha ferramenta para coordinar as accións impulsadas no eido da cultura desde os centros, fundacións e asociacións co fin de ampliar o seu impacto en todo o territorio. “Estas entidades resultan fundamentais para impulsar o sector cultural e salvagardar o noso patrimonio literario, artístico e etnográfico”, salientou Román Rodríguez.
“En moitas ocasións o primeiro contacto dos veciños coa cultura son estes centros que funcionan como gardiás do legado daqueles artistas cos que compartiron espazo e que fan un importante labor na divulgación da súa figura”, explicou o conselleiro. Neste senso, fixo unha mención especial á Fundación A Solaina de Piloño, responsable da mostra, á que se referiu como un exemplo “do gran traballo que se pode facer para dinamizar a cultura nos concellos máis pequenos”.
Punto de encontro na comarca do Deza
“Os que tivemos a sorte de coñecer a Paco Lareo, ao que hoxe homenaxeamos, sabemos que era un home fortemente comprometido coa súa terra que dedicou a súa vida a encontrar o equilibrio perfecto entre a arte, a cultura e o rural”, destacou o representante da Xunta de Galicia antes de engadir que o artista estaría “especialmente orgulloso” de ser unha fonte de inspiración para outros artistas e de ver como, grazas ao esforzo da súa irmá, a Fundación A Solaina continúa sendo “un gran punto de encontro na comarca do Deza para todo tipo de creadores”.
A exposición Unha pincelada a Paco recolle as obras realizadas durante XV Xuntanza-Obradoiro Internacional das Artes Plásticas da Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño. Trátase dunha iniciativa na que participaron máis dunha quincena de artistas de Galicia e Portugal e que este ano estivo centrada en homenaxear ao artista Paco Lareo, falecido hai dez anos.
Entre as pezas que se poden ver no Museo Ramón María Aller ata o 25 de novembro figuran pinturas, esculturas, instalacións artísticas, vestidos ou mesmo un retrato do propio Paco Lareo feito polo artista Camilo Caamaño.