Nova: ‘Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia’ incrementa nun 31% os usuarios e estrea guía e espazo temático

07/11/2022

‘Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia’ incrementa nun 31% os usuarios e estrea guía e espazo temático

A publicación, que presenta hoxe o director xeral de Cultura, amosa o traballo desenvolvido para achegar á cidadanía o patrimonio documental
 

A plataforma do mesmo nome acolle un novo espazo, ‘Memoria e Concordia’, centrada na documentación entre 1936 e 1978

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022 O director xeral de Cultura Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe en rolda de prensa o libro Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia e o novo proxecto en liña Memoria e Concordia, dúas iniciativas para achegar á cidadanía o patrimonio documental galego.

 

O representante da Xunta de Galicia destacou a importancia da dixitalización dos arquivos “para garantir a pervivencia desta información ao longo do tempo, así como para permitir que todas as persoas poidan acceder á consulta destes documentos desde calquera lugar e en calquera momento”, sinalou.

 

A publicación Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia debulla os usos e función da plataforma do mesmo nome. A publicación recolle, polo tanto, o traballo realizado polo persoal de arquivos da Xunta de Galicia para a dixitalización destes fondos, que abranguen toda clase de documentos (textuais, cartográficos, iconográficos ou audiovisuais) que, con independencia da súa antigüidade, teñan un especial interese polo seu valor informativo e histórico.

 

Cómpre lembrar que a plataforma Galiciana. Arquivo Dixital de Galiciapermite a consulta a través dun punto único dos fondos documentais custodiados en distintos centros que forman parte do Sistema de Arquivos de Galicia. A través do portal dáse acceso non só á información contida nos documentos, senón tamén, en moitos casos, as súas imaxes.

 

54 arquivos integrados

Nos últimos anos a plataforma experimentou un crecente interese, de tal forma que só no ano 2022 o número de consultas está a medrar nun 31% ata acadar os 187.285 usuarios. Actualmente hai integrados 54 arquivos de diversa titularidade, tanto pública como privada. Este ano incrementouse nun 60% a achega de dixitalizacións, prevendo a finais deste ano ter máis de 5.000.000 de imaxes.

 

No caso do espazo Memoria e Concordia, recolle o proceso encamiñado á difusión e preservación de documentos do período comprendido entre 1936 e 1978 (Golpe de Estado, Guerra civil, Ditadura franquista e inicio da Transición), que están custodiados nos arquivos históricos que xestiona a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Comparte