Nova: Unha viaxe por terra, mar e aire a través da arte contemporánea

19/03/2015

Unha viaxe por terra, mar e aire a través da arte contemporánea

O Museo do Mar de Galicia acolle medio cento de pinturas, esculturas, obras murais e fotografías dos fondos da Colección de AENA

Os galegos Manolo Paz, Menchu Lamas, Antón Patiño, Juan Adrio, Antón Lamazares e Antonio Murado forman parte dos máis de 30 artistas representados na exposición ‘Terra, mar, aire’, con pezas procedentes de diversos aeroportos

  • A arte contemporánea de AENA, no Museo do Mar de Galicia A arte contemporánea da colección AENA, no Museo do Mar de Galicia
  • Intervención da ministra de Fomento, Ana Pastor, na inaguración da mostra Intervención da ministra de Fomento, Ana Pastor, na inaguración da mostra
  • Percorrido pola mostra que conta con medio cento de pinturas, esculturas, obras murais e fotografías Percorrido pola mostra que conta con medio cento de pinturas, esculturas, obras murais e fotografías
  • Percorrido pola mostra que conta con medio cento de pinturas, esculturas, obras murais e fotografías Percorrido pola mostra que conta con medio cento de pinturas, esculturas, obras murais e fotografías

Vigo, 19 de marzo de 2015.- Baixo o título ‘Terra, mar, aire’, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ofrece na súa nova exposición unha mirada inédita sobre a Colección Aena, “unha das mellores coleccións públicas de arte contemporánea española e iberoamericana”. Así o afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na inauguración da mostra, que estivo presidido pola ministra de Fomento, Ana Pastor, e que tamén contou coa participación do presidente da Fundación Aena, Enrique del Moral; do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; e da directora do museo, Marta Lucio.

Os tres elementos esenciais a través dos que se desenvolve o transporte  –a terra, o mar e el aire– son o punto de partida co que se articula esta mostra organizada pola Fundación Aena que, segundo recordou Anxo Lorenzo, foi concibida e estruturada especificamente para a súa exhibición no Museo do Mar de Galicia. “A auga mariña, oceánica, –dixo– é o guieiro deste museo que durante un tempo estará acompañado por outros dous elementos primordiais ou ‘archés’: o aire e a terra, interpretados por grandes artistas en obras murais, pinturas, esculturas, ilustracións e fotografías”, que proceden dos aeroportos de Vigo, Badaxoz, Barcelona, Madrid, Menorca, Murcia, Palma, Valencia e Zaragoza, así como doutras dependencias de Enaire e de Aena.

Seis artistas galegos
A exposición confórmana medio cento de pezas “de gran calidade e moi significativas” na traxectoria creativa de 32 artistas de referencia, entre os que se atopan José María Sicilia, José Manuel Broto, Juan Barjola, Bosco Sodi, Úrculo, Guinovart, Mompó ou Lucio Muñoz, entre outros. O secretario xeral tamén destacou a participación de seis artistas plásticos galegos recoñecidos internacionalmente como son Manolo Paz, Menchu Lamas, Antón Patiño, Juan Adrio, Antón Lamazares e Antonio Murado.

Pinturas, esculturas e obras murais
Organizada pola Fundación Aena coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a mostra traslada o visitante de forma transversal desde a figuración da Escola de Vallecas, coa obra de Martínez Novillo, ata a expresiva abstracción do lalinense Antón Lamazares. Da man de artistas españois e hispanoamericanos de renome, as obras recollidas na exposición reproducen paisaxes en calma, mares embravecidos e espazos aéreos suxestivos. Entre as cincuenta obras que compoñen a mostra figuran 19 pinturas, sete esculturas, 12 fotografías, 4 obras murais de grandes dimensións e unha secuencia de oito ilustracións.

Unha colección de máis de 1.600 pezas
A Fundación Aena é unha institución cultural vinculada a Enaire, E.P.E., entidade pública que posúe unha gran colección de arte contemporánea española e iberoamericana que supera as 1.600 pezas. As obras foron adquiridas desde os anos oitenta para decorar os aeroportos e as instalacións encargadas da navegación aérea, un valioso conxunto de carácter público cuxa conservación, mantemento e difusión están encomendados á Fundación Aena desde 1995. 

Comparte