Nova: A Consellería de Cultura incrementa un 3% o investimento en arquivos nos Orzamentos de 2023
08/11/2022
A Consellería de Cultura incrementa un 3% o investimento en arquivos nos Orzamentos de 2023
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa no Consello de Arquivos de Galicia onde avanzou as principais liñas de traballo para o vindeiro ano
Eleva a case 840.000€ os fondos para optimizar a súa xestión, dotalos de recursos, potenciar a súa dixitalización e desenvolver o Plan de Arquivos
En conxunto, o departamento autonómico destina 4,5 M€ anuais ao funcionamento e posta a punto dos seis arquivos que xestiona
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incrementará o investimento en arquivos en máis dun 3%. Así o trasladou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante a sesión do Consello de Arquivos de Galicia celebrada hoxe na Cidade da Cultura onde avanzou as principais liñas de traballo da Xunta de Galicia para o vindeiro ano neste eido.
Tal e como explicou o representante do Goberno galego, en 2023 os fondos elevaranse a case 840.000€ para optimizar a xestión destes centros, dotalos de recursos, potenciar a súa dixitalización e desenvolver o Plan de Arquivos. Así, no seu conxunto o departamento autonómico destina 4,5 millóns de euros ao funcionamento e posta a punto dos seis arquivos que xestiona.
Co horizonte no ano 2026, este novo Plan con tres liñas estratéxicas e 40 accións é a folla de ruta que seguirá a Xunta de Galicia para modernizar a xestión poñendo o foco na dixitalización documental e en facilitar o acceso aos documentos e á información destes centros que, no seu conxunto, contan con máis de 164.000 metros lineais de documentación.
Ademais de materiais en papel, integra tamén os documentos producidos a través da administración dixital e afronta a conservación do patrimonio en ambos formatos ou soportes, papel e electrónico.
Órgano de asesoramento
O Consello de Arquivos de Galicia é un organismo creado coa entrada en vigor da Lei de Arquivos de Galicia co fin de asesorar os centros arquivístico. Neste tempo melloráronse as instalacións dos arquivos dotáronse de ferramentas de xestión documental integrais que permitiron dixitalizar a súa xestión e gañar seguridade na conservación dos datos asociados aos fondos. Tamén se contribuíu a restaurar e recuperar fondos de gran valor que estaban danados e en moi mal estado de conservación.
O traballo levado a cabo pola Xunta facilitou tamén o acceso e dixitalización de valiosos fondos documentais de institucións públicas e privadas que custodia a historia individual e colectiva de Galicia, mesmo moitos deles forman parte do repositorio Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, que nos últimos anos experimentou un crecente interese medrando este ano o número de consultas nun 31% ata acadar os 187.285 usuarios. Actualmente hai integrados 54 arquivos de diversa titularidade, tanto pública como privada. Este ano incrementouse nun 60% a achega de dixitalizacións, prevendo a finais deste ano ter máis de 5.000.000 de imaxes.