Nova: A Xunta custodiará no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra a obra da fotógrafa viguesa Mary Quintero
10/11/2022
A Xunta custodiará no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra a obra da fotógrafa viguesa Mary Quintero
O director xeral de Cultura visita xunto a artista o Arquivo logo de ceder en comodato a súa colección baixo o título ‘A imaxinación no interior dun estudo fotográfico’
A fotógrafa destaca pola calidade da súa técnica e por ser pioneira en dar cor aos seus positivos, facendo deles pezas únicas
A súa obra repasa a sociedade viguesa do século XX e accede ao interior de espazos descoñecidos e pouco accesibles, o que lle imprime un carácter de estudo sociolóxico
Pontevedra, 10 de novembro de 2022
A Xunta custodiará a partir de agora no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra a obra de Mary Quintero. A recoñecida fotógrafa viguesa vén de ceder en comodato ao Goberno galego a súa colección baixo o título A imaxinación no interior dun estudo fotográfico. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou o Arquivo xunto á fotógrafa en datas recentes. Esta colección “permite facer non só unha análise técnica, senón da sociedade da época, entre os anos 40 e 70 do século XX, que con tanto acerto retratou”, explica o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Neste sentido, destaca que a súa obra ofrece imaxes inéditas do interior dos fogares, normalmente inaccesibles, nos que entraba a retratar, en especial a mulleres de clase media e alta, “o que lle dá ao seu arquivo un importante interese sociolóxico e antropolóxico”. “A súa colección de negativos reflicte a evolución do gusto da moda ou das poses, entre outros detalles”, puntualiza.
No referido ao aspecto técnico, o representante da Xunta lembra que as propostas de Quintero foron innovadoras, “ao ser pioneira en dar cor co pincel ao branco e negro da fotografía aproveitando os seus coñecementos de pintura, así como no uso do proxector de fondos”, o que confire ás fotografías positivadas e retocadas desta colección o carácter de pezas únicas.
Conservación e difusión
Este interese cultural levou a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a formalizar con Mary Quintero un comodato sobre o conxunto de fotografías e material fotográfico que constitúen o seu arquivo profesional como fotógrafa retratista. Esta cesión vai permitir custodiar, conservar e xestionar o fondo, promovendo ao mesmo tempo a súa investigación e difusión a través do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
O volume deste fondo está integrado por retratos de estudo, positivados a cor en papel de varios formatos, positivos fotográficos en soporte plástico e máis de 700.000 negativos de diferentes soportes e formatos.
Entre o material fotográfico figuran cámaras Hasselblad, Linhof, Yashica, obxectivos de varios tipos e marcas, filtros, chasis, fotómetros, ampliadoras, así como panos de fondo pintados e outro mobiliario de estudio. É o propio Arquivo o que está a desenvolver o proceso de descrición do fondo.
Un oficio vocacional
Mary Quintero (Melide, 1931) está recoñecida como unha das profesionais máis relevantes da fotografía de estudo e a máis prestixiosa retratista galega da época. Descubriu a súa vocación e iniciou a súa aprendizaxe nos estudos fotográficos que rexentaron os seus pais en Melide e Lugo. Na cidade da Muralla recibiu clases de debuxo de Luís Novo, formación que completou en Madrid e que lle valeu para realizar positivados únicos pintados.
Á altura do ano 1947 dispón de obra e nome para a súa primeira exposición titulada Nuevos horizontes de la fotografía, así como para, no mesmo ano, ser incluída na colectiva da V Exposición Provincial de Arte da Obra Sindical de Educación y Descanso de Lugo. A súa oportunidade chegou da man dun grupo de mulleres da alta sociedade lucense que ven nos seus retratos cadros artísticos, case pinturas. Fotógrafa de estudio e mantendo o retoque do positivo como a ‘marca da casa’, a produción de Mary Quintero evolucionará a medida en que o esixen os cambios na moda e nos gustos do segmento da sociedade para a que traballa.
A partir da chegada da cor á fotografía, mantense fiel as súas habilidades técnicas, dominio da composición e do retoque, xogando ca cor en retratos de nenos e mozos, sen descartar retratos de grupos musicais, compañías de teatro, de danza, portadas de libros... e ata persoeiros da vida social, económica e política. Xubilouse a finais do ano 2002.