Nova: A Xunta acometeu obras para corrixir humidades na igrexa de San Xoán de Tirimol, en Lugo
14/11/2022
A Xunta acometeu obras para corrixir humidades na igrexa de San Xoán de Tirimol, en Lugo
O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego vén de investir 15.000 euros nunha actuación de acondicionamento co fin de garantir a preservación do edificio e dos retablos que alberga no interior
Lugo, 14 de novembro 2022 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de executar unha actuación para corrixir as humidades que lle afectaban á igrexa de San Xoán de Tirimol, no municipio de Lugo, co fin de garantir a preservación do inmoble e dos retablos que alberga no interior.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das obras, que supuxeron un investimento de 15.000 euros co fin de emendar as patoloxías detectadas nesta igrexa, protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
Arias explicou que os traballos comprenderon a colocación de canlóns e baixantes de zinc; a conexión das baixantes e canlóns coa rede de evacuación de pluviais existente, incluída a execución de arquetas intermedias e reposición dos pavimentos afectados; así como o pintado exterior das fachadas, previa limpeza e preparación dos paramentos.
Descrición da igrexa
A igrexa de San Xoán de Tirimol ten cuberta de lousa a dúas augas e muros revocados con aparello de cantaría nas esquinas. A fachada é sobria, con portada lintelada e unha fiestra sobre ela. A lectura simétrica vén marcada pola espadana de dous vans e uns sinxelos pináculos piramidais.
Ten planta basilical coa capela e sancristía acaroada ao muro lateral esquerdo e no seu interior alberga un retablo barroco de gran calidade artística, de finais do século XVII e cuxa autoría corresponde a Domingo de Andrade.