Nova: A Xunta contribúe á difusión internacional do cinema galego en 22 festivais e mercados de sete países
19/11/2022
A Xunta contribúe á difusión internacional do cinema galego en 22 festivais e mercados de sete países
A Consellería de Cultura achega case 35.000 euros a unha vintena de produtoras para a promoción dos seus traballos en mostras e encontros profesionais como a Berlinale, o Bafici de Bos Aires, o festival de Nova York ou o Mipcom de Cannes
A premiada participación de Valentina nos Goya e as estreas de Código Emperador en Málaga e Unicorn Wars en Annecy atópanse entre as accións subvencionadas a través desta liña de apoio para a proxección exterior do audiovisual de Galicia
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2022 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de publicar a resolución de adxudicación das súas subvencións anuais para a promoción exterior do audiovisual galego, a través das que distribúe preto de 35.000 euros entre 21 produtoras para o desenvolvemento de diferentes accións de difusión e comercialización en 22 festivais e mercados internacionais de referencia para o sector.
O obxectivo desta liña de axudas é contribuír a poñer en valor o traballo de produción e creación audiovisual con selo galego, así como a situar a nosa Comunidade no mapa cinematográfico mundial. No caso da modalidade destinada á participación en eventos de cine fóra de Galicia, apoiouse a premiada participación do equipo de Valentina na pasada edición dos Goya, onde foi recoñecida como mellor película de animación, ademais das estreas de Código Emperador, de Jorge Coira, no Festival de Málaga e de Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, nos de Annecy (Francia) e Sitges.
Tamén recibiron subvencións Tamboura Films para a presentación do documental No somos nada, de Javier Corcuera, no Festival Internacional de Cine Independiente de Bos Aires (Bafici) de Arxentina; Filmika Galaika para Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, no de Rotterdam (Países Baixos), e Acariño Films para Los saldos, de Raúl Capdevila, no Festival de Cine Europeo de Sevilla e no Visions du Réel de Nyon (Suíza).
Curtametraxes
No certame suízo estivo, así mesmo, Diana Toucedo coa súa curtametraxe Tatuado nos ollos levamos o pouso, mentres que Lois Patiño viaxou con El sembrador de estrellas á Berlinale (Alemaña) e ao New York Film Festival (Estados Unidos) e Zeitun Films ao Festival de Málaga con Rompente, de Eloy Domínguez Serén. Este último realizador contou igualmente con apoio a raíz da selección no Festival Internacional de Cine de Xixón da longa documental Al otro lado del mar, que codirixiu xunto ao colombiano Samuel Moreno Álvarez.
Nesta categoría, as contías outorgadas destínanse ao transporte de material de promoción específico, á contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para a difusión dos filmes nas mostras, ao desprazamento e á estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e á tiraxe e/ou subtitulado das copias.
En canto á modalidade para a comercialización e difusión en foros de negocio, a Xunta asume parte dos gastos derivados da inscrición, viaxe e estadía dos representantes de 13 produtoras galegas en feiras de referencia internacional para o sector. É o caso do Marché du Filme e o Mipcom de Cannes (Francia), ata onde se desprazaron Zeitun Films, Tamboura Films e Ficción Producciones. Tamén contaron con presenza galega outros mercados asociados a destacados festivais cinematográficos, como o European Film Market de Berlín, o Mifa Market de Annecy, o Marché du Film Court de Clermont-Ferrand (Francia), o Industry Club de San Sebastian e o Mafiz de Málaga.