Nova: Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará novos traballos de restauración no santuario de Nosa Señora das Ermidas cun investimento de case 560.000€

22/11/2022

Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará novos traballos de restauración no santuario de Nosa Señora das Ermidas cun investimento de case 560.000€

Esta nova achega permitirá actuar na cuberta, fachadas e soportais, mellorar a zona das visitas culturais e a accesibilidade na Horta das Olivas e investigar a canalización histórica do santuario



Estímase que os traballos se poñan en marcha no segundo trimestre do ano 2023 e contarán cun prazo de execución aproximado de seis meses

 

Con esta actuación, o investimento feito polo Goberno galego neste Ben de Interese Cultural na última década chega ata os case 850.000€

 

O Bolo (Ourense), 22 de novembro de 2023 A Xunta de Galicia licitará nas vindeiras semanas novos traballos de restauración no Santuario de Nosa Señora das Ermidas cun investimento de case 560.000€. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao lugar na que explicou que esta nova achega permitirá actuar na cuberta, fachadas e soportais, mellorar a zona das visitas culturais e a accesibilidade na Horta das Olivas e investigar a canalización histórica deste ben.

 

Tal e como explicou, con esta nova actuación o investimento feito polo Goberno galego neste santuario durante a última década elévase ata os case 850.000€. “Na Xunta de Galicia temos clara a relevancia deste monumento non só para a provincia de Ourense, se non para toda a Comunidade. Proba disto é o importante esforzo orzamentario que vimos facendo para garantir a súa conservación desde a súa declaración como Ben de Interese Cultural no ano 2006”, subliñou.

 

Así mesmo, engadiu que o Goberno galego é a administración máis comprometida co patrimonio cultural galego, como así o demostra o incremento nos orzamentos do vindeiro ano do 14% nas contas destinadas á conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais.

 

No caso concreto do Santuario de Nosa Señora das Ermidas, os traballos previstos inclúen a reparación da cuberta, a aplicación de tratamentos de limpeza, consolidación e renovación dos rexuntados e a restauración da bóveda plana da Torre do Evanxeo. Ademais, na Casa da Administración están previstas tarefas de limpeza e a eliminación de cementos e elementos alleos e a desmontaxe das reixas e vidros existentes co fin de recuperar o espazo orixinal dos soportais.

 

Por último, o proxecto complétase coa dotación dunha nova iluminación, a renovación dos vidros, a recuperación das carpinterías, a execución de novas estruturas metálicas para soportar os Vía Crucis e a rehabilitación integral dos aseos, o que permitirá mellorar as infraestruturas da zona das visitas culturais.

 
Actuacións previas

O Santuario da Nosa Señora das Ermidas atópase situado entre os macizos das serras de Queixa, do Eixo e de San Mamede, nunha profunda garganta do río Bibei e próximo a unha das antigas rutas de penetración en Galicia, a Vía Romana de Astorga a Ourense, non lonxe do cruzamento coa Vía de Braga a Astorga. Goza dunha situación privilexiada, localizada nun anfiteatro natural que realza a súa arquitectura barroca.

 

Compre lembrar que nos últimos anos a Xunta de Galicia xa executou varias actuacións de conservación neste inmoble a partir do plan director do Santuario das Ermidas desenvolto entre 2012 e 2014. Para poder realizar todas estas melloras, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Astorga para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa este santuario.

Comparte