Nova: Elefante Elegante conducirá a gala dos XIX Premios María Casares de Teatro

23/03/2015

Elefante Elegante conducirá a gala dos XIX Premios María Casares de Teatro

Os galardóns da Asociación de Actores e Actrices de Galicia recoñecen ao traballo anual dos profesionais do sector

María Torres e Gonçalo Guerreiro codirixen a posta en escena da cerimonia na que actores e músicos ocuparán a escenografía de mil lámpadas deseñada por Suso Montero para o Teatro Rosalía Castro

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle a gala na véspera do Día Mundial do Teatro

  • Elefente Elegante conducirá a gala dos XIX Premios María Casares de Teatro Elefente Elegante conducirá a gala dos XIX Premios María Casares de Teatro
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación dos Premios María Casares O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación dos Premios María Casares
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación dos Premios María Casares O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación dos Premios María Casares
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación dos Premios María Casares O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación dos Premios María Casares

A Coruña, 23 de marzo de 2015.- Os XIX Premios María Casares de Teatro, promovidos pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entregaranse na Coruña o próximo 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro, en recoñecemento ao traballo anual dos profesionais do sector.

A Agadic mantén un ano máis a súa colaboración económica para o desenvolvemento deste evento, durante o que se lles outorgarán os galardóns aos gañadores e gañadoras nas catorce categorías ás que optan un total de 16 espectáculos, ademais do Premio de Honra Marisa Soto ao actor e director Vicente Montoto.

Os detalles da gala foron presentados hoxe na Coruña nunha rolda de prensa que compartiron patrocinadores, organizadores e responsables artísticos. Nela participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil; a tenente de alcalde de Cultura do Concello da Coruña, Ana Fernández; o director territorial da SGAE, Juan Carlos F. Fasero; e o vogal da AAAG Ricardo de Barreiro; ademais de Gonçalo Guerreiro e María Torres, integrantes da compañía galega Elefante Elegante, encargada de idear e conducir a cerimonia.

Estímulo e referente
Na súa intervención, o director da Agadic, que situou o apoio aos premios no convenio de que cada ano se vén mantendo desde a Xunta coa AAAG, explicou a importancia da convocatoria dos María Casares como estímulo profesional, así como referente para a visibilidade do teatro galego cara á cidadanía. “Que Galicia conte cuns intérpretes, cuns técnicos, cuns dramaturgos, cuns directores, cuns compositores, cuns escenógrafos ou cuns figurinistas de talento; e que estes poidan desenvolver a súa capacidade e valía no eido escénico de xeito profesional é algo do que todos nos beneficiamos. É o que nos permite gozar verdadeiramente cada vez que nos poñemos diante dun escenario e é, tamén, o que contribúe a manter, vixente e dinámica, esta parte tan importante da nosa cultura viva como é o teatro”, asegurou.

Jacobo Sutil referiuse así mesmo de xeito moi positivo á nova categoría que, nesta edición número dezanove dos María Casares, se lle dedica por vez primeira aos espectáculos para público infantil. “É unha boa noticia —agregou— poñer o foco dun xeito especial nas montaxes que se dirixen aos nenos e nenas, os nosos espectadores do futuro, e é xusto reflexo, ademais, da elevada e coidada produción galega neste eido”.

Escenografía construída polo CDG
A concepción artística da gala realizada por Elefante Elegante concrétase nunha viaxe cara á multiculturalidade na Torres e Guerreiro actúan como parte dunha compañía integrada por outros tres intérpretes: Iria Pinheiro, Ánxela Blanco e Pablo Sánchez, ademais dos seis músicos da formación multiinstrumental Kibitka. Esta viaxe desenvolverase nunha escenografía construída nos talleres do Centro Dramático Galego (CDG), na que destaca un ceo dun milleiro de lámpadas, deseñado especialmente para a ocasión por Suso Montero.

A gala, que dará comezo ás 21:00 horas, será emitida ás 23:45 por Televisión de Galicia e terá presenza no Twitter a través do perfil nesta rede social da AAAG. Ademais, co hashtag #oscasares daranse a coñecer os gañadores de cada categoría en tempo real.

Comparte