Nova: A Xunta crea unha aceleradora de proxectos musicais para estimular a profesionalización do sector e impulsar artistas emerxentes
29/11/2022
A Xunta crea unha aceleradora de proxectos musicais para estimular a profesionalización do sector e impulsar artistas emerxentes
Destina un orzamento de 240.000 euros á posta en marcha deste programa cunha primeira fase de consultaría encamiñada ao lanzamento de produtos musicais e unha segunda para a súa promoción e difusión
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inicia hoxe o proceso para elixir os profesionais autónomos e microempresas, cun máximo de cinco anos de actividade neste ámbito, aos que se lles facilitarán as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das súas carreiras
Continúa aberto tamén o prazo para a selección da entidade colaboradora que se encargará da xestión desta iniciativa
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022
A Xunta de Galicia abre desde hoxe e ata o vindeiro 28 de decembro o prazo de solicitude cara á selección dos participantes na nova aceleradora cultural de proxectos musicais, a través da que se canalizará un investimento público de 240.000 euros co fin de incentivar e estimular a profesionalización empresarial do sector, ao tempo que se impulsa a carreira de artistas emerxentes.
Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, poden optar a esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, profesionais autónomos e microempresas musicais galegas, cun máximo de cinco anos de actividade neste ámbito, cara á selección de entre catro e 12 proxectos para participar nas diferentes fases da aceleradora.
Ao tempo, mantense aberto o proceso de selección da entidade colaboradora coa que se asinará o correspondente convenio para a xestión deste programa. A Xunta asumirá o 80% dos custos das actividades de aceleración, ao abeiro dos fondos Next Generation EU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, de xeito que destina preto de 180.000 euros ás diferentes accións destinadas a facilitarlles aos participantes as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das súas carreiras, mentres que os 60.000 restantes corresponden aos gastos de xestión.
Proceso de vertebración sectorial
Ábrese así un proceso de vertebración sectorial a través do que se busca acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional da nosa industria musical, ademais de definir e analizar as necesidades dos proxectos musicais emerxentes co fin de impulsalos e consolidalos tanto a nivel nacional como internacional. Buscarase igualmente mellorar o seu acceso ao mercado e ao financiamento, así como favorecer sinerxías de encontro e colaboración artística e empresarial dentro do seu ámbito e do conxunto da industria cultural.
O programa de aceleración levarase a cabo en dúas fases, comezando por unha etapa de consultarías individualizadas e grupais, tanto presenciais como telemáticas, que incluirán diferentes accións de mentorización arredor de cada un dos proxectos seleccionados co foco posto na proposta artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. O obxectivo neste caso será a creación dos correspondentes produtos musicais e a elaboración do seus plans de negocio.
A segunda fase dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas.