Nova: Román Rodríguez amosáse en Rabat “orgulloso e confiado” porque un programa cultural nacido nas aulas galegas poida ser considerado pola Unesco “un exemplo para o mundo”
30/11/2022
Román Rodríguez amosáse en Rabat “orgulloso e confiado” porque un programa cultural nacido nas aulas galegas poida ser considerado pola Unesco “un exemplo para o mundo”
O representante da Xunta participa neste foro co colectivo Ponte… nas Ondas!, cuxa candidatura para entrar no Rexistro de Boas Prácticas será avaliada mañá, algo ao que só optan catro propostas a nivel internacional e co que Galicia se estrearía nesta categoría de recoñecementos
Destaca “o empeño dos profesores que desde hai máis de 25 anos sensibilizan aos máis novos sobre a preservación do patrimonio cultural na fronteira de Galicia e Portugal”
Sinala que o uso das radios escolares, a lusofonía, o rico legado da nosa tradicional cultural e o éxito entre a rapazada impulsan este programa educativo sobre divulgación do patrimonio
Confía en que sirva de inspiración para o entendemento en zonas transfronteirizas en países en desenvolvemento, tal e como resalta Unesco no seu eloxioso informe previo de avaliación
Rabat (Marrocos), 30 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, xa está en Rabat para apoiar o proxecto Ponte… nas Ondas!, a candidatura que mañá optará a ser recoñecida pola Unesco como “un modelo para o mundo”. O representante da Xunta forma parte da delegación española que participa no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Na véspera do día en que Unesco votará a inscrición da proposta conxunta de Galicia e Portugal no Rexistro de Boas Prácticas, o conselleiro mantivo un encontro en Marrocos cos representantes de Ponte… nas Ondas!, aos que trasladou o total apoio da Xunta, que vén colaborando na tramitación da candidatura nos últimos anos. Román Rodríguez amosouse “confiado e orgulloso” porque un programa cultural nacido nas aulas galegas poida ser considerado pola Unesco “un exemplo para o mundo”.
O conselleiro, que asiste a este foro cultural internacional acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, subliñou o feito de que só catro candidaturas a nivel internacional vaian ser abordadas por Unesco nesta reunión e que unha delas sexa galega. Por iso, a poucas horas da decisión, felicitou aos representantes de Ponte… nas Ondas! e destacou “o empeño dos profesores que desde hai máis de 25 anos sensibilizan aos máis novos sobre a preservación do patrimonio cultural na fronteira de Galicia e Portugal”.
“Grazas a iniciativas como esta as novas xeracións aprenden desde a infancia por que as tradicións dun pobo son importantes e o valor que ten para nós conservar ese legado cultural e etnográfico que herdamos das xeracións anteriores”, salientou. A este respecto, sinalou que Galicia se presenta ante o mundo “cunha cultura propia integradora e que exemplifica os valores de diálogo e entendemento que promove Unesco”.
Sur de Pontevedra e Alto Minho
Ponte... nas Ondas! naceu hai máis de 25 anos nas escolas de do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar. Co impulso da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, o seu obxectivo é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.
Tal e como explicou Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, a inclusión nesta lista da Unesco “supón un recoñecemento a unha traxectoria de 27 anos e a un modelo propio creado na fronteira de Galicia e Portugal, onde integramos o patrimonio e a radio escolar nunha fórmula única”.
Agora, ante esta oportunidade histórica, o conselleiro confía en que Ponte… nas Ondas! sirva de inspiración para o entendemento en zonas transfronteirizas en conflito tal e como resalta Unesco no seu eloxioso informe previo de avaliación. Así mesmo, avanza a determinación da Xunta para consolidar e ampliar o alcance deste programa dentro das súas actuación de sensibilización sobre o patrimonio e preservación da memoria.
Un modelo de ensinanza referente
O modelo de ensinanza de Ponte… nas Ondas! bota man das radios escolares como ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento. Precisamente, en opinión dos examinadores da Unesco, “a combinación de radio, educación e patrimonio cultural é unha fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos lados da fronteira galego-portuguesa.
Isto, afirman no último informe previo emitido hai poucas semanas, “permitiu que os mozos se impliquen nas súas propias tradicións” e “crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial”. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas nos centros, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.
“A integración da cultura intanxible no sistema educativo é outro resultado efectivo e factible do proxecto”, conclúe o documento, no que se subliñan os esforzos por un “desenvolvemento social inclusivo, o diálogo intercultural e a igualdade de xénero”.
Así mesmo, consideran que Ponte... nas Ondas! “fomentaría a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países”, especialmente en comunidades transfronteirizas en países en desenvolvemento. Por iso, os examinadores da Unesco opinan que o modelo é exportable a nivel internacional.
Sesión en streaming este xoves
O conselleiro de Cultura e Educación encabeza a representación de Galicia neste encontro mundial, onde acude en coordinación co Ministerio de Cultura e Deporte e a Embaixada de España ante a Unesco. Por parte de Ponte… nas Ondas! participan Chus Álvarez, profesora; Dolores Gómez, portadora; Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo; Esmeralda Carvalho, profesora; Xerardo Feijoo, profesor; João Manuel Gonçalves, portador; Álvaro Campelo, profesor e antropólogo, e Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!.
A orde do día establecida para este comité intergubernamental prevé que a decisión sobre a candidatura galego-portuguesa se adopte durante a mañá do xoves, cando a mesma será debatida polos países participantes. A sesión poderá seguirse en streaming a través da canle de YouTube da Unesco.
Galicia na Unesco
Galicia conta cun variado legado patrimonial espallado por todo o territorio e constituído por bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deben ser estudados e considerados para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo.
No marco deste rico patrimonio destacan os elementos galegos que xa acadaron o máximo recoñecemento da Unesco como son o casco histórico e a Catedral de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a Muralla de Lugo, que hoxe celebra o seu 22 aniversario como Patrimonio Mundial, a Torre de Hércules da Coruña e os Camiños do Norte. Ademais, a finais de novembro de 2018, o organismo recoñeceu como Patrimonio Cultural Inmaterial a pedra en seco, unha técnica de construción tradicional na nosa terra que se convirte así no primeiro elemento inmaterial en recibir esta distinción en Galicia.
Por outro lado, a Xunta de Galicia traballa xa para que outros tres bens da nosa Comunidade sexan declarados Patrimonio Mundial pola Unesco: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes - Parque Nacional das Illas Atlánticas e o Ferrol. Porto da Ilustración.