Nova: Recompilación da obra fotográfica de Manuel Vilariño no CGAC
19/03/2015
Recompilación da obra fotográfica de Manuel Vilariño no CGAC
'Tectónica' inclúe sete pezas de nova produción realizadas de forma específica polo premio nacional de fotografía para esta mostra
Santiago, 19 de marzo de 2015.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle ata o 21 de xuño a mostra ‘Tectónica’, de Manuel Vilariño (A Coruña, 1952), que foi presentada esta mañá pola xerente deste centro expositivo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A mostra, que poderá visitarse a partires desta tarde na planta baixa do centro, é unha prospección inédita no mundo creativo e poético deste autor galego que foi Premio Nacional de Fotografía no ano 2007 e que representou a España na 52ª Bienal de Venecia.
Comisariada polo profesor de estética e crítico de arte, Alberto Ruíz de Samaniego, ‘Tectónica’ está constituída por máis de 40 pezas entre fotografías, vídeos, instalacións e esculturas, que abarcan desde os años 70 ata a actualidade e inclúe 7 pezas de nova produción realizadas de forma específica para o CGAC.
A mostra está montada e pensada a partir de catro grandes vetas ou apartados temáticos e formais: a música, a poesía, a ciencia e a imaxe. En cada un destes estratos pódense contemplar unha serie de referencias fundamentais na traxectoria do artista que explican o seu universo estético: os obxectos que o acompañan, a presenza dúa voz, as súas obsesións, as súas lecturas, as viaxes e os seus referentes culturais, musicais e de coñecemento como os poetas José Ángel Valente, Wallace Stevens e T. S. Eliot ou o compositor Olivier Messiaen.