Nova: A Unesco inscribe o programa educativo galego Ponte...nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas
01/12/2022
A Unesco inscribe o programa educativo galego Ponte...nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas
A candidatura conxunta de Galicia e Portugal acada este recoñecemento, unha distinción que só obtiveron hoxe catro propostas a nivel internacional
Román Rodríguez destaca que está é a primeira vez que un proxecto galego entra neste rexistro e celebra que unha iniciativa nacida nas aulas galegas sexa un exemplo para todo o mundo
O representante da Xunta sinala que é un éxito de todos os profesores e alumnos que a longo de 27 anos participaron na iniciativa e que comparten todos os galegos
“Como galego é un orgullo que un programa dos nosos centros educativos vaia servir de inspiración para concienciar á rapazada sobre a importancia de coidar do noso patrimonio e da convivencia en zonas transfronterizas”, afirma
Agradece a implicación dos embaixadores de España e Portugal na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes e Rosa Batoréu, e do Ministerio de Cultura e Deporte na tramitación do expediente
Rabat (Marrocos), 1 de decembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, celebra como un gran logro para Galicia a entrada do programa educativo Ponte...nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. A decisión foi aprobada hoxe no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterialen Rabat, onde o representante da Xunta encabeza a delegación galega acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez. Nesta sesión só acadaron esta distinción catro propostas a nivel internacional.
Tras a votación positiva da proposta conxunta de Galicia e Portugal, o responsable autonómico de Cultura destacou que a decisión supón un gran triunfo para todos os galegos e para o noso sistema educativo, xa que unha iniciativa nacida nas aulas galegas “será un exemplo para todo o mundo”. “Parabéns aos promotores polo traballo ben feito. Isto, sen dúbida, é un éxito seu e un recoñecemento ao traballo feito por todos os profesores e alumnos que ao longo de 27 anos participaron nesta iniciativa”, salientou o conselleiro. É a primeira vez que Galicia recibe este recoñecemento por parte da Unesco.
“Como galegos debemos estar orgullosos porque un programa dos nosos centros educativos vai servir de inspiración para concienciar á rapazada sobre a importancia de coidar do noso patrimonio e grazas a esta iniciativa novas xeracións de todo o mundo aprenderán desde a infancia a importancia e valor do legado cultural e etnográfico”, afirmou.
Neste senso, engadiu que o proxecto é tamén un exemplo de convivencia en zonas transfronterizas e pode servir para mellorar o entendemento en rexións en conflito, tal e como resaltou a Unesco no eloxioso informe que emitiu previamente á avaliación. Así mesmo, tamén agradeceu a implicación dos embaixadores de España e Portugal na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes e Rosa Batoréu, e do director xeral de Belas Artes, Isaac Sastre e do resto de altos cargos do Ministerio de Cultura e Deporte na tramitación deste expediente.
Representantes da comunidade educativa
Ademais dos representantes da Xunta de Galicia, neste encontro mundial tamén participaron por parte de Ponte...nas Ondas! Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, que agradeceu no Comité a inscrición; Chus Álvarez, profesora; Dolores Gómez, portadora; Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo; Esmeralda Carvalho, profesora; Xerardo Feijoo, profesor; João Manuel Gonçalves, portador, e Álvaro Campelo, profesor e antropólogo.
Esta é a primeira vez que Galicia acada un recoñecemento deste tipo por parte da Unesco. Con todo, a nosa Comunidade conta cun rico e variado patrimonio cultural no que se inclúen varios elementos declarados Patrimonio da Humanidade. Son o casco histórico e a Catedral de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña e os Camiños do Norte.
Ademais, a finais de novembro de 2018, o organismo recoñeceu como Patrimonio Cultural Inmaterial a pedra en seco, unha técnica de construción tradicional. A maiores, a Xunta de Galicia está traballando para que outros tres bens da nosa Comunidade acaden o máximo recoñecemento da Unesco: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes - Parque Nacional das Illas Atlánticas e Ferrol. Porto da Ilustración.
Un modelo de ensinanza referente
O programa Ponte... nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.
A iniciativa bota man das radios escolares como ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento. Trátase dun modelo educativo para o mundo que tal e como apuntaron os examinadores da Unesco no informe previo á valoración, combina radio, educación e patrimonio cultural cunha “fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos lados da fronteira galego-portuguesa.
Así, tal e como se recollía no informe previo, esta iniciativa implica aos mozos nas súas propias tradicións e “crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial”. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas nos centros, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.